sábado 29.02.2020

As nenas nas ciencias e o neurosexismo

O 11 de febreiro celébrase o día das mulleres e nenas na ciencia: todo o que ten un “día”, denota desigualdade. Hai razóns que explican a menor presenza de mulleres na ciencia, así os mecanismos que o patriarcado empregou para excluílas, uns legais, como impedir o acceso á universidade e ao ensino secundario –ambos en 1910, antes era precisa unha autorización–, outros sociais e discursivos, resumidos en “as ciencias non son para ti”. Derraigar estereotipos é máis difícil que mudar leis. Ilustres próceres afirmaron “a indixencia espiritual do sexo feminino” e “a pobreza mental da muller" (Nóvoa Santos), ou que “a especial constitución do seu sistema nervioso faina (á muller) pouco disposta para o labor mental abstracto e creador” (Gregorio Marañón). Desbotadas estas ideas, hai quen pregunta agora se os cerebros das mulleres son diferentes dos dos homes: neurosexismo. Sería como preguntar se os cerebros de galegas e galegos son distintos dos de Estados Unidos porque aquí non hai premios Nobel de ciencias. Aínda se houbese diferenzas anatómicas non se pode afirmar que fosen innatas. Sabemos hoxe que o cerebro posúe grande plasticidade, xa en 1793 Michele Malacarne mostrou que o cerebelo de paxaros adestrados era máis grande que o dos non adestrados; isto, a contracorrente da consideración dun cerebro inmodificábel, foi ignorado. No século XX o barcelonés Justo Gonzalo e a estadounidense Marian Diamond demostraron a capacidade do cerebro para remodelarse en resposta a estímulos ambientais. En 1981 Wiesel e Hubel recibiron o Nobel por investigacións sobre as conexións neurais: pechar a pálpebra dun ollo nos gatos ao nacer causaba cegueira irreversíbel ao non establecerse conexións co cerebro. Blakemore e Cooper criaron gatos nun espazo con liñas verticais e o resultado foi cegueira para as horizontais e ausencia de neuronas para detectalas. Estudos que mostran que a cognición, a intelixencia, dependen das influencias ambientais. Desculpen tanta cita, mais isto non son opinións, son datos. As mulleres son educadas nun “ambiente” distinto ao dos homes, incluso vivindo na mesma casa, é ese ambiente, son esas oportunidades o que é preciso mudar. Por fortuna hai escolas, institutos, onde as rapazas fan ciencias, por exemplo o proxecto NOSA, que se prepara para enviar por quinta vez unha sonda á estratosfera; o seu lema pode valer para todas as rapazas: cos pés no chan e os ollos nas estrelas.

As nenas nas ciencias e o neurosexismo
comentarios