Opinión

As mulleres no cuarto das vasoiras

En 1968 James Watson escribiu A dobre hélice, unha narración persoal do descubrimento do ADN. Daquela, cando non había o que algúns chaman “corrección política”, ou noutras palabras, cando a meirande parte dos homes escribían e falaban de forma abertamente misóxina, Watson –que é tamén racista– describe os problemas que tiñan con Rosalind Franklin, a cristalógrafa que non aceptaba un papel subordinado, resumíndoos en “o mellor lugar para unha feminista era no laboratorio doutra persoa”. Desgustáballes que Franklin reclamase o seu papel como investigadora, porén utilizaron tanto as súas perfectas fotografías do ADN, subtraídas sen o seu coñecemento por Wilkins, como a súa idea de que o fosfato estaba no exterior da cadea e as bases no interior (contrariamente ao que se supoñía). Coas fotos e as ideas, Watson e Crick presentaron en 1953 o seu modelo de ADN nun artigo, que lles valeu gañar o Nobel xunto con Wilkins en 1962; Rosalind Franklin non participou no premio, morrera en 1958 dun cancro.

Entre outras incuspias (aldraxe en Lalín), Watson conta como a Rosalind Franklin non lle era permitido tomar o té cos homes na sala común, senón noutra que el mesmo describe como “un morriñento cortelliño”, o que eu chamo o cuarto das vasoiras. Así os homes podían, como el mesmo narra, conspirar contra ela para arrebatarlle as fotos, aínda sen publicar.

Lembrei isto ao ver as imaxes do encontro entre o presidente turco Erdogan e os responsábeis da Unión Europea, no que Ursula von der Leyden, presidenta da Comisión, viuse obrigada a sentar nun sofá, nunha marxe, e a distancia do centro con dúas butacas ocupadas por Erdogan e polo xefe do Consello Europeo, Charles Michel. Non é casual que unha das cuestións a tratar fose, precisamente, a saída de Turquía do Convenio de Istanbul sobre a violencia machista. Que Erdogan é un machista non resulta novidoso, é contrario á liberación das mulleres por “destruír a idea de familia” e considera que as mulleres sen fillos son “deficientes, incompletas”. A imaxe da presidenta da Comisión sen cadeira constitúe a súa resposta sobre os dereitos das mulleres. Mais o comportamento de Charles Michel é igualmente ruín, dando por descontado que a cadeira era para el, sentando sen cuestionar a situación. Se estes son os bois cos que aramos, moito falta para ter traballada a agra da igualdade. As mulleres non aceptamos ser relegadas ao cuarto das vasoiras, nin ás marxes.

Comentarios