Opinión

As mulleres, ese campo de batalla

Até cando seguirán sendo utilizadas as mulleres e os seus corpos como campo de combate? Deixará algún día o fanatismo relixioso de exercer un bárbaro sometemento das mulleres por seren mulleres? En 1989 a artista conceptual Barbara Kruger creou a obra "O teu corpo é un campo de batalla", imaxe que se converteu nunha icona da loita feminista. O contexto era o da Marcha de Mulleres e as mobilizacións contra as leis anti-aborto nos Estados Unidos. 

Desde a entrada dos talibáns en Kabul compartimos co corazón encollido a angustia das mulleres afgás, unhas como a xornalista Shabnam Dawran ou a alcaldesa Zarifa Ghafari, en risco de seren asasinadas polo seu papel público, todas desposuídas dos seus dereitos máis elementais, camiñar pola rúa sen acompañamento masculino, o "gardián" varón, estudar, exercer unha profesión. E do dereito ao propio corpo, pois esta versión do Islam, como o cristianismo rancio, considera pecadento o corpo das mulleres, tanto que a súa simple visión provocaría nos varóns unha irrefreábel pulsión que conduciría a violalas, os matrimonios forzosos.

Parte das batallas en Afganistán, a acción dos fanáticos, líbranse sobre o corpo das mulleres, certo. Mais tamén é certo que a invasión de Afganistán hai vinte anos utilizou como escusa as mulleres; lemos e escoitamos o argumento de que a oposición á guerra equivalía a desexar que as mulleres continuasen oprimidas baixo o burka. O corpo das mulleres afgás, campo de batalla para ambos bandos. Se o motivo da invasión de 2001 fosen os dereitos das mulleres, iguais razóns habería para invadir Arabia Saudí, Ah, non, desculpe, que a súa monarquía case feudal é un aliado! As causas da invasión son doutro tipo e complexas, de carácter xeo-estratéxico, quen domina nesa parte central de Asia en oposición a China; económico, así a construción dun oleoduto ou gasoduto transafgán para achegar petróleo e gas, o control dos recursos das chamadas terras raras; o control do tráfico de heroína. Europa foi ao rabo dos intereses dos Estados Unidos, sen ter nada que gañar e moito que perder.

E as mulleres afgás? As mudanzas sociais non se levan a cabo desde fóra, menos a través dunha invasión. O menos que se pode emprender é unha mobilización internacional, en apoio das protestas no interior, que obrigue ao goberno talibán a respectar os dereitos das mulleres. E que os líderes de todas as relixións quiten as súas mans do corpo das mulleres.

Comentarios