Opinión

Menstruación: "puras" e "impuras"

A menstruación no Boletín Oficial do Estado! Onde imos parar? O decoro require que non se fale desas cousas e, de falar, que sexa con eufemismos, de modo indirecto. Dicíase "estar co mes", como se non vivísemos sempre nalgún mes. Peor aínda o de "estar mala", que asocia regra a enfermidade. É unha asociación que vén de moi atrás, da Biblia: no capítulo 15 do Levítico establécense regras sobre pureza e impureza que tratan de forma paralela, como "impurezas" unha doenza de transmisión sexual no varón, a blenorraxia, e as regras das mulleres: "A muller que ten fluxo de sangue do seu corpo, permanecerá na súa impureza por espazo de sete días. E quen a toque será impuro até o serán". Constitúe unha negación do que significa a menstruación desde o punto de vista da bioloxía: expresa a capacidade de dar vida. Segundo a Biblia non é unicamente a regra o que fai "impuras" ás mulleres: tamén permanecerá impura a consecuencia dos partos, corenta días se dá a luz un varón e o dobre, oitenta, se nace unha nena. Deste modo o relato bíblico –talvez o doutras relixións, mais falo da que mellor coñezo– impuxo unha distorsión na forma de contemplar a regra: dun fenómeno con alto valor simbólico, do que podía ser unha celebración da continuidade da vida, a unha sucidade que convertía as mulleres en "impuras". Un compoñente máis da opresión e discriminación das mulleres que opera tanto por mecanismos para asegurar a subxección, como por discursos que a xustifican, degradando o relacionado co seu corpo.

Ora ben, que a menstruación non sexa unha doenza, non pode levar a negar que hai regras dolorosas e incapacitantes, que as mulleres que as sofren non poden traballar neses días. O sorprendente, máis que o recoñecemento desta realidade nunha lei, é que non fose recoñecido até agora. Ten que ver, creo, con esa consideración da menstruación como algo vergoñento, a ocultar, a varrer baixo a alfombra: Non me fale diso! Tampouco podía ser materia literaria: a primeira mención da regra na literatura galega é na miña novela xuvenil A expedición do Pacífico, en 1994, o que causou as iras do crítico do Faro de Vigo: é isto unha novela de aventuras? É unha aventura ter a regra? preguntábase. En 1999 Lupe Gómez levouna ao título do poemario Os teus dedos na miña braga con regra, causando a indignación dos ben pensantes. Cómpre mudar as leis e asemade mudar as representacións sociais, ás veces máis difíciles de cambiar.

Comentarios