Opinión

Memorias roubadas

A memoria pode ser fráxil como un papel antigo. Porén a memoria ten capacidade de resistir ao tempo, ao desleixo, á tiranía. Escribo esta columna aínda estremecida polas emocións do roteiro 'Compostela da II República', organizado o 15 de abril por Compostela Aberta e guiado polo historiador Antonio Míguez Macho. En Mazarelos, ante a estatua de Montero Ríos, Antonio Míguez falou de memoricidio, o proceso de destrución sistemática da memoria emprendido polo golpismo, máis alá dos asasinados, das humilladas, para borrar as pegadas da República, do que foi un tempo de esperanza. Pois Montero Ríos foi un político liberal, partidario da separación entre Igrexa e Estado –esa que non acadamos plenamente hoxe debido aos grillóns do concordato–. Míguez púxoo como exemplo do modo en que os franquistas querían desposuírnos da memoria dos liberais do XIX, presentados como reaccionarios, borrando a existencia de republicanos de dereitas, que tamén os houbo. 

O roteiro iniciouse ante a estatua das irmás Fandiño, Maruxa e Coralia, subliñando a súa militancia anarquista, rectificando unha imaxe de que foron represaliadas por seren "irmás de", e contextualizando a súa afouteza por vestir de cores nun tempo en que as tebras eran obrigadas.

Especialmente emotivas foron as intervencións de Manuel San Martín, neto de Marcial Villamor, e Luisa Pasín, bisneta de José Pasín. Luisa relatou a historia de Pasín, primeiro concelleiro obreiro de Compostela, en 1909, e o seu encarceramento en Santo Antón despois da folga de 1917. Obrigado a percorrer a pé os 60 quilómetros entre A Coruña e Compostela, as mulleres do peirao, compadecidas, metíanlle moedas nos petos. Fuxido no seu propio barrio –Espiñeira– agochado pola veciñanza dunha casa noutra, unha solidariedade que podía custar a vida. Recuperemos os nomes do barrio, así Tras Espiñeira hoxe Barcelona. Que non nos rouben a memoria.

Comentarios