Opinión

A memoria de Manuel Rodríguez Louro

Confeso que, malia subir cada verán á Moa do Pindo, descoñecía o alto número de homes que se refuxiaran nel despois do golpe de Estado; pensaba seren unha mancheíña cando o seu número chegou a case douscentos. A historia de Manuel Rodríguez Louro que nos achega Francisco Fernández Naval mudará a nosa forma de ver o Pindo. Non é só fonte de mitos, corazón dos incendios, é un lugar de memoria. Como di a poeta Olvido García Valdés, a paisaxe, como o poema, é lugar onde nos é dado falar cos mortos.

O domingo 13 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e o concello de Dumbría organizaron unha homenaxe ao mariñeiro Manuel Rodríguez Louro. Un sinxelo acto, un fermoso libriño da autoría de Fernández Naval, unha placa na Casa da Pedra do Ézaro. Mínima reparación por todo o que a democracia debe a persoas como Manuel.

A cova da Campa da Braña, espazosa, permitía xuntárense os homes do monte e, desde a laxe superior, enxergaren os panos do salgadoiro, sinais cos que as familias se comunicaban con eles, avisando dos perigos. Pois sen a colaboración da veciñanza mal poderían resistir. Porén, os invernos no monte son moi duros, eles queren combater pola República, e trece mozos, de entre 19 e 27 anos, emprenden o 16 de outubro de 1937 unha arriscada aventura tomando o camiño do mar. Nunha lancha xeiteira navegan ás Lobeiras e secuestran o barco AS poñendo rumbo ao norte. Di a lenda que a borraxeira impediu que o hidroavión dos fascistas os localizase. Ao acabarse o combustíbel estiveron catro días ao pairo até un vapor inglés encontralos e remolcalos a Bristol. Na foto dun xornal inglés dez mozos, puño en alto, cantan, seica, a Internacional.

De alí viaxaron a Cataluña, loitando co exército republicano até a fin da guerra. Parte deles caeron prisioneiros e foron xulgados e encarcerados, e catro, entre eles Manuel e o seu irmán Joaquín, pasan a Francia, a campos de internamento como Argelès. Manuel loitou contra o fascismo no exército francés, foi feito prisioneiro e enviado a Mauthausen en xaneiro de 1941, onde traballaría na funesta canteira dos 186 chanzos. Despois foi trasladado ao castelo de Hartheim onde morreu gaseado o 16 de setembro. Nunha emocionante intervención o seu sobriño Juan Carlos Rodríguez afirmou que erran quen dicían que os fuxidos non tiñan ideoloxía, como ben mostra a foto co puño en alto, e concluíu: “Cando levantamos o puño, sabemos por que o facemos.”

Comentarios