Opinión

A memoria de Juana de Vega

A memoria pública é inestábel e, no caso das mulleres, adoita ser inxusta. Poucas mulleres son lembradas nos libros de historia ou no imaxinario social. Nin sequera son adecuadamente recoñecidas as que desafiaron as prohibicións que impedían a súa participación política e social. Esta semana conmemoramos os 150 anos da morte de Juana de Vega. Estou convencida de que, de ser home, o seu papel nos levantamentos liberais non sería esquecido. E se, malia ser muller, fose por exemplo inglesa habería ducias de novelas, filmes e series sobre a súa vida.

En Galicia hai moita xente que apenas sabe nada sobre Juana de Vega e as súas achegas. Pesan tamén sobre ela algúns tópicos. Foi condesa, certo, título concedido á morte do seu marido Francisco Espoz y Mina, que non procurou e que no testamento mandou eliminar da súa lápida, no cemiterio de Santo Amaro da Coruña. Como analiza Xosé Ramón Veiga nunha biografía, a primeira en galego, de próxima aparición, para Juana e as mulleres do século XIX, resultaba crucial a presenza do que chama un "varón ao fondo", lexitimando a súa actividade. É probábel que este amparo de Mina –un labrego, heroe na guerra contra a invasión francesa, do que a primeira lingua era o éuscaro e que tiña dificultades co castelán– despois de morto explique tamén a custodia do seu corpo na casa, acción romántica que hoxe nos sorprende. Foi tamén, brevemente e a desgusto como narra nas súas memorias, aia da raíña Isabel II. O cargo foi unha encomenda do titor da princesa Agustín Argüelles, un dos redactores da constitución de 1812, coa pretensión de que a educara como unha "raíña constitucional", obxectivo imposíbel de cumprir.

Na miña opinión nin o título de condesa nin o de aia son o máis relevante da súa vida. O que fai dela unha figura sobranceira é a loita contra o absolutismo, a súa participación nas insurreccións liberais, debullada noutra columna, sendo acusada polas autoridades e sufrindo o exilio, as estratexias que argallou para actuar social e politicamente a favor dos máis desfavorecidos –non por "caridade" senón polos principios liberais– e contra a corrupción. Que cento cincuenta anos despois a Fundación Juana de Vega continúe promovendo o desenvolvemento de Galicia e só unha mostra do que lle debemos a Juana. Unha muller afouta, comprometida co xurdimento da literatura galega, coa publicación por vez primeira dos poemas de Rosalía no Álbum da Caridade en 1862.

Comentarios