Opinión

Memoria da Estantiga ourensá

Aos prebostes, arquimandritas, camarlengos, autoridades todas responsábeis da ordenanza publicada no DOG pola que quedan prohibidas no concello de Ourense as xuntanzas de persoas sen vida en calquera espazo (interior ou exterior).

Nós, os non-viventes que formando parte da Estantiga percorremos sen descanso as vinte e unha parroquias de Ourense, de Beiro a Untes, do Arrabaldo a Seixalbo, ante vostedes comparecemos, elevando a nosa queixa.

Este decreto é un atentado ás nosas esencias inmemoriais. Como se deduce doutro dos nomes co que somos polas xentes chamados, a Santa Compaña, é propio da nosa íntima natureza estar en compañía. A nosa condición impídenos realizar o labor que nos é propio de forma individual. Onde se viu estar formada unha procesión por un só defunto? Nada obxectaríamos de seren prohibidas unicamente as reunións no interior, pois toda a nosa actividade se desenvolve no exterior. É no exterior, ao aire libre onde, segundo os estudos médicos publicados en prestixiosas revistas en inglés –e cremos que tamén en latín– a transmisión do temido coronavirus é máis improbábel.

Non é desgraza abondo penar polas parroquias sen poder franquear as portas do paraíso, sen agardar pola nosa hora no purgatorio, sen sequera descansar nas caldeiras do inferno, máis quentes que as Burgas? Pobres de nós, ánimas errantes sen ninguén que nos acuda! Por que este decreto de sanidade está encamiñado a nos marxinar, procurando a desaparición da ilustre Estantiga ourensá, cando non se ataca de igual modo a Roldiña da Costa da Morte ou a Estadea?

Escoitamos murmurios entre a néboa bisbando que a prohibición de xuntanzas de non-viventes é unha mera gralla, unha errata consecuencia de encargar a tradución a unha máquina sen alma e sen sentido do ridículo. Velaquí unha interpretación que non merece creto. Como pode esta redacción ser encomendada a un artefacto, habendo tantas persoas licenciadas ou mesmo doutoras en filoloxía, que poderían realizala de forma competente e sen erros? Desbotamos pois esa hipótese.

Sobre a nosa presenza dan conta tradicións que afunden as súas raíces nos tempos dos celtas e dos suevos. O pai Martín Sarmiento certificou a nosa existencia en Ourense, non sendo posíbel poñer en dúbida a súa sabedoría.

Solicitamos: Ser a Estantiga declarada de inmediato ben de interese cultural (BIC), patrimonio inmaterial das galegas e galegos, e en consecuencia ficar a salvo de toda ameaza.

Comentarios