Opinión

Memoria amordazada: O doutor Parra

O medo. O medo. Impoñendo o silencio, a desmemoria. Décadas de atapullar no fondo das entrañas nomes, historias, infortunios.

Cando nenas sabiamos que o tío Vicente, republicano, irmán da avoa, marchara a Venezuela “despois da guerra”. Nos anos finais da ditadura meus irmáns e mais eu militabamos en partidos clandestinos, Miguel pasou por Carabanchel; cunha multicopista baixo a cama, interesabámonos por aquel tío co que compartiamos ideas. Mais, fóra a profesión de cirurxián, as palabras ficaban tras bocas cosidas. Nada se enxergaba de campos de concentración, de afiliación comunista.

Non foi até o 12 de setembro de 2008 cando Miguel localizou o tío Vicente, o doutor Parra. Soubemos que na guerra foi capitán médico dos Gardas de Asalto e colaborou co Socorro Rojo en Madrid e logo en Barcelona. O nove de febreiro de 1939, como milleiros de exiliados, pasou a Francia coa retirada republicana.

Tras o campo de Argelès, Clairfont, a dez quilómetros de Toulouse, onde se ocupaba da enfermaría, e traballaba canda moitos españois, na Sociedade Nacional de Explosivos. Porén en xaneiro de 1943, tras a ocupación nazi, foi encarcerado pola policía de Vichy, e confinado no campo de Le Vernet, por onde pasaron Anna Seghers, Max Aub ou Arthur Koestler. O 9 de xuño de 1944 oficiais alemáns detivérono para deportalo ao campo de concentración de Dachau, no célebre “Tren Fantasma” que transportou 690 persoas amoreadas en vagóns, deitándose por quendas.

A resistencia intentou tiralo do tren, mais el preferiu ficar para coidar dos feridos. Unicamente 536 chegarían a Dachau o 28 de agosto, debido ás sabotaxes e aos bombardeos da aviación aliada; menos da metade sobreviviron até a liberación o 29 de abril de 1945, hai 75 anos. En Dachau, onde ingresou aos 57 anos, traballou como médico dos presos e foi o representante español no Comité Internacional de Prisioneiros, permanecendo no campo até lograr que saíran todos os españois.

En xuño de 1945 chegou a Toulouse co uniforme riscado e pesando 40 quilos. Foi director do Hospital Varsovie, creado polos republicanos. En 1948 é cesado ao se negar a entregar á asociación Amicale, do PCE, 3,5 millóns de francos aforrados, que quería empregar en melloras do hospital. Ese mesmo ano exiliouse a Venezuela, onde morreu en 1967. Insubmiso até a fin, logo de lidar coas SS, tivo que batallar co sectarismo interno. Recupero a memoria dun espírito solidario e independente.

Comentarios