Opinión

Meirás: trofeos de caza

O pasado 7 de decembro a dirección xeral de patrimonio cultural fixo público o Inventario dos bens existentes nas Torres de Meirás. A lectura deste documento de 163 páxinas podería prestarse a moitas análises, mais algo que chamou a miña atención foi a enorme cantidade de trofeos de caza: cabezas de cervo, gamo, muflón, rebezo, cabra montesa, e sobre todo cranios de corzo, dos que nunha das fotos chegan a contarse 61 montados nunha parede, unha imaxe arrepiante. O corzo é un animal belísimo e encontrar un nunha camiñada polo monte, aínda que sexa enxergado brevemente entre o mato, chega para aledarme un día. Hai, pola contra, quen só concibe estes contactos coa beleza como caza, destrución; son os predadores. En bioloxía denomínanse predadores os animais que cazan outros para comeren, unha actividade que no paleolítico era necesaria para os humanos. No noso tempo, e no de Franco, a quen debían pertencer todos ou a meirande parte dos trofeos xa que devecía polas cazarías, cazar non ten que ver coa procura de comida, é simplemente dar morte a un animal non humano, e espetar as súas gallas nunha parede. Trofeo, segundo o dicionario, é un obxecto do vencido do que se apropia o vencedor. Ao acabar a guerra que seguiu ao golpe de estado Franco e os seus tomaron como trofeos as vidas e os corpos dos vencidos, e en moitos casos as súas propiedades, casas, bens ou negocios, nun espolio ao que naquel contexto era imposible resistir. Así Pepe Miñones, político e empresario de Corcubión, foi asasinado no Campo da Rata en 1936 e as súas empresas foron incautadas; Electra Popular Coruñesa foi entregada a Pedro Barrié de la Maza. Trofeos.

Canto máis raro e máis próximo á extinción está un ser, máis valor asigna o cazador ao trofeo. Elefantes africanos, leopardo das neves, dos que apenas fican cinco mil, son máis cobizados. Canto máis escasas as pías románicas, como a de Moraime, tanto máis furioso o desexo de convertela nun testo no xardín de Meirás. O inventario dos bens constitúe, na verdade, un inventario da cobiza. Contemplarmos as chaves pasar das mans da xuíza, Marta Canales, ás da avogada do estado, a galega Consuelo Castro Rey, é emocionante polo simbólico. O destino de Meirás debe ser converterse nun Centro de Memoria Histórica, do que cómpre reparar a ausencia, que pode compartir espazo con Emilia Pardo Bazán. Esperamos que outros bens espoliados como a Casa Cornide sigan o mesmo camiño.

Comentarios