Opinión

Meirás e os seus libros patrimonio da xente

Meirás é patrimonio da xente, non dos Franco! Sabiámolo mais agora está escrito no papel timbrado do xulgado. No medio das noticias sobre a pandemia escintila unha boa nova encamiñada a estiñar algunha das feridas da ditadura. A sentenza –de case 400 páxinas– da xuíza Marta Canales, sustentada nunha sólida argumentación, non deixa dúbidas: declárase nulas tanto a venda simulada de 1941, como a doazón de 1938, condenando a familia do ditador a restituír Meirás ao Estado, dado que fora entregado ao xefe do Estado, non a un particular. Moitas persoas cooperaron para que isto ocorrese, Nós Diario analizaba este xoves o papel de movementos cívicos, asociacións como a ARMH, investigadores, a Xunta pro devolución do Pazo –da que formei parte en representación da RAG–, impulsada desde a Deputación da Coruña por Goretti Sanmartín, entre outras. Antes da moción de censura de 2018 as solicitudes dirixidas á Administración, daquela o Goberno do Partido Popular, batían coa indiferenza e a inacción.

Mais en xuño toma posesión o Goberno do PSOE e muda, entre outras entidades, a Avogacía do Estado, sendo nomeada avogada xeral a xurista galega Consuelo Castro Rey. A partir dese momento a Avogacía do Estado fai súa a reivindicación, dando dous pasos esenciais, en primeiro lugar localizar o documento da venda ficticia de 1941, en segundo presentar, en xullo de 2019, unha demanda contra os Franco. Este segundo paso era indispensábel, sendo a Administración do Estado, como prexudicada, a quen lle correspondía emprendelo. A sentenza reproduce integramente a demanda, na que reconforta ver chamadas as cousas polo seu nome, “bando sublevado” aos sublevados e “autoproclamado” xefe do Estado a Francisco Franco. A xuíza dá en todo a razón á demanda.

Celebrando esta vitoria, á que aínda lle falta algún percorrido, a pregunta é: agora que? Pois Meirás –ao que Emilia Pardo Bazán chamaba a granxa ou as Torres– non é o único ben obxecto de apropiación ilexítima, aí está a Casa Cornide na Coruña ou as esculturas de Abraham e Isaac furtadas ao Concello de Santiago. Uns bens que debían ser devoltos de inmediato son os 3.200 libros, parte da extensa biblioteca reunida por Emilia Pardo Bazán, aínda secuestrados polos Franco. A meirande parte dos 11.000 que a constituían, 7.843, custódianse na RAG, a quen deben ser entregados os que faltan. Como Meirás, son patrimonio público e deben estar a disposición do público.

Comentarios