Opinión

A medicina en galego: Antón Beiras

En 1958 o oftalmólogo Antón Beiras García publicou nunha revista médica de Pontevedra "Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos do estrabismo", primeira publicación científica en galego despois do golpe de estado e a guerra. Foi este artigo pioneiro un dos fitos salientados na homenaxe que a Irmandade da Sanidade Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística organizaron o 26 de novembro na Facultade de Medicina da USC co título "Visibilizando a memoria".

Sendo a publicación relevante, talvez sería de máis impacto na sociedade viguesa a decisión de Beiras e a súa muller, a mestra Antía Cal, de educar os seus fillos e fillas en galego. Pois en Vigo nos anos cincuenta non sorprendía que falasen galego os fillos de mariñeiros, pescantinas, obreiros de Citroën, aberta nese ano de 1958, mais que o fixesen os dos médicos era contemplado como unha extravagancia. Eu non coñecín ao doutor Beiras, morreu en 1968 privando a Galicia do seu carisma. Porén, ao chegar á súa casa catro anos despois, comprobei que o seu espírito impregnaba a vida da familia. Na homenaxe Hixinio Beiras definiu o carácter do seu pai como "modesto materialismo poético", fuxindo de pompas, homenaxes e medallas, aínda que, engadiu, se sentiría honrado por compartir espazo co seu venerado profesor, Alejandro Rodríguez Cadarso. Hixinio lembraba como nas viaxes en coche de Vigo a Madrid, ao pasar por Lubián, o seu pai rememoraba o accidente que en 1933 custou a vida a Rodríguez Cadarso, daquela deputado da ORGA, xunto a Castelao, Suárez Picallo, Villar Ponte, Otero Pedrayo ou Nóvoa Santos.

Na Facultade de Medicina hai tres bustos, o de Beiras, o de Rodríguez Cadarso, obra de Asorey, e o de Nóvoa Santos presidindo a escalinata. Podemos avaliar os méritos científicos de Nóvoa Santos e ao mesmo tempo solicitar á Facultade e á USC que intercambie o seu lugar de honra con Rodríguez Cadarso, que si exerceu nesta universidade e sobre todo non escribiu ensaios reaccionarios como La Indigencia espiritual del sexo femenino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer. Non teriamos alí un defensor do escravismo: do machismo si? No seu lugar podería situarse o de Antón Beiras, que de vivir apoiaría as mobilizacións pola sanidade pública, e para Nóvoa Santos ben chega un corredor. Cada último día do ano Beiras abría a fiestra e berraba: Viva Galicia ceibe! Sexa así.

Comentarios