Opinión

Masculino patriarcal

En 2009 difundíronse unhas fotos de Vladímir Putin en Siberia dacabalo co torso espido e sentado nunha árbore. En Rusia, no xornal Izvestia, próximo ao Kremlin, as fotos foron asociadas á historia do mítico Reiseñor salteador –Solovei o bandoleiro–, que vivía nunha árbore e co seu asubío "facía perder os seus pétalos ás azuis flores, derrubaba en terra as escuras fragas e mataba a xente". Interpretouse que Putin pretendía reforzar a súa imaxe de macho.

No reparto de papeis entre mulleres e homes establecido polo patriarcado, as mulleres son designadas como anxos do fogar, coidadoras, esposas, nais. Aos homes correspóndelles o privilexio, o espazo público, o protagonismo. Porén, ese papel dos varóns vai acompañado da construción dunha identidade masculina que ten como ideal un macho capaz de emprender accións violentas, en última instancia matar. Nun contexto máis cotiá ocupar o espazo, físico e discursivo, levar a cabo transgresións, beber alcohol até embebedarse, infrinxir as normas, desobedecer a autoridade, fachendear de indisciplina.

Ademais da violencia, a virilidade asóciase á velocidade –tres V–, a lombos de cabalos, animal que forma parte da imaxinería da guerra, ou máis tarde en motos ou automóbiles. Non estou suxerindo que deixemos cabalos e motos baixo o dominio da masculinidade violenta, os cabalos son animais marabillosos e en canto ás motos, que dicir se eu teño carné de moto e durante anos despraceime nunha vermella. O meu argumento é que, para certo número de votantes, a imaxe dun político que circula a 215 quilómetros por hora pode resultar atractiva, corresponderse cunha identidade masculina propagada no cine, novelas ou redes sociais.

Dar fin ao patriarcado é acadar plenitude de dereitos para as mulleres e asemade mudar a imaxe do que é "ser un home" por outra menos simplista, máis rica, que inclúa os coidados e deberes como cidadáns.

Comentarios