Opinión

Maricopa: Educación democrática

Arizona é clave nas eleccións de Estados Unidos, como nas presidenciais de 2020, sendo crucial na substitución de Trump por Biden; quen sexa presidente nese país reverbera aquí. A mudanza de maioría republicana a demócrata nas presidenciais do 3 de novembro de 2020, por vez primeira desde Clinton en 1996, é un exemplo das consecuencias dun programa escolar de educación democrática. Lembrarei que o (absurdo e anticuado) sistema electoral dos EEUU asigna todos os chamados "electores" de cada estado –en Arizona 11– ao candidato que teña máis votos, mesmo se a marxe é escasa: Biden gañou en Arizona por 10.000 votos, un 0,3%. Por iso poden ter tanta relevancia as votacións nun estado ou mesmo nun condado.

No condado de Maricopa vive o 61% da poboación de Arizona, e nel está a capital, Phoenix, e outras grandes cidades; considérase case imposíbel que un candidato gañe en Arizona sen facelo en Maricopa. Se esta historia ten un protagonista é Daniel Schugurensky, nacido en Arxentina de avós fuxidos de Europa nos anos das persecucións dos xudeus, profesor na Arizona State University. Fundou a Iniciativa de Gobernanza Participativa, e un dos seus programas está dirixido á educación democrática en escolas con alumnado pertencente a colectivos que nos EEUU denominan "desfavorecidos". Noutras palabras, familias pobres e racializadas, neste caso sobre todo Latinos de orixe mexicana, o 18% do electorado, e asemade nativos americanos e afroamericanos. Tradicionalmente estes colectivos eran –e son en moitos outros estados– abstencionistas, por entender que ninguén vai facer nada por eles. Aclaro que o programa de Schugurensky non consistía en facer propaganda por Biden, de feito comezara antes de que fose candidato, senón en desenvolver competencias sociais, facendo participar ao alumnado e ás súas familias nos orzamentos participativos de cada escola. Para isto tiñan que rexistrarse como votantes, pois o dereito a voto non é automático, precisa un proceso de rexistro. Aumentaron os votantes rexistrados entre Latinas e Latinos e outros colectivos e aumentou a participación de 74% (de votantes rexistrados) a 80%. Biden gañou en Maricopa, cun 50,13%, sendo este o único condado que mudou de maioría republicana a demócrata e, grazas a Maricopa, obtivo os 11 electores de Arizona e a presidencia. A educación democrática nas clases de historia e ciencias sociais pode ser unha ferramenta para o cambio.

Comentarios