Opinión

Louise Michel: A Comuna de París

Escribe Louise Michel: “As mulleres son o gando humano que é esmagado e vendido. O noso lugar na humanidade non debe ser mendigado, senón que debemos tomalo”. Francia recoñece a loita desta muller polos dereitos dos excluídos, na Comuna e durante toda a súa vida, dando o seu nome a escolas, liceos e centros culturais a través do país. A Comuna de París, da que se cumpren 150 anos, existiu só brevemente entre o 18 de marzo e o 28 de maio de 1871, mais a súa lembranza escintila no corazón de quen aspiran á emancipación dos traballadores e traballadoras, á democracia directa. A Comuna proclamou unha nova era e a fin “do vello mundo do clericalismo e militarismo, da explotación, da especulación, dos monopolios e dos privilexios”. Entre as súas medidas un decreto regulando os abusos nos alugueiros –si, ese que aínda non temos aquí en 2021–a autoxestión por cooperativas obreiras de negocios abandonados polos propietarios (que serían indemnizados), a loita contra o traballo infantil e o clandestino, a separación entre o Estado e a Igrexa no decreto do 2 de abril, rachar co Concordato –cando aquí?–, o ensino laico. 

O papel das mulleres, a atención específica aos seus dereitos, é una notábel diferenza entre a Comuna e a Revolución francesa de 1789 que ignorou as mulleres como suxeitos políticos, excluíndoas da Declaración dos dereitos do home e do cidadán, guillotinando en 1793 a Olympe de Gouges que reclamou os da muller e da cidadá. Iniciouse o proceso para instaurar o voto das mulleres, aínda que nos dous meses de existencia non houbo tempo de completalo; recoñeceuse o principio de igualdade de salarios, aplicándose ás mestras –no Estado español en 1900 as mestras gañaban un terzo do soldo dos mestres–, prohibiuse a prostitución, recoñecéronse as unións libres. O papel de mulleres feministas como a mestra Louise Michel, a militante da Primeira Internacional Élisabeth Dmitrieff, a obreira encadernadora Nathalie Lemel, foi crucial. Na guerra contra a Comuna aliáronse as forzas reaccionarias de distintos países: os alemáns pararon a ofensiva sobre París até que o exército francés esmagase a Comuna.

En 1871 Louise Michel, anticipándose ao 25 de abril, escribe o poema “Os caraveis vermellos” ao seu compañeiro Théophile Ferré, executado na brutal represión gobernamental contra a Comuna: “Deses caraveis vermellos que para nos recoñecer / tiñamos cada un de nós, rexurdide, vermellas flores”. 

Comentarios