Opinión

Linguas cortadas

Tereo cortou a lingua da súa cuñada Filomela, tras violala, para que non puidese denuncialo. Aínda que os talibáns non cortan fisicamente as linguas das mulleres, impídenlles usalas. Desde 2021 as mulleres afgás non posúen dereitos: privadas de educación, liberdade, traballo, presenza pública, dereitos sexuais, reducidas a sombras anónimas baixo o burka, obrigadas a casar de nenas contra a súa vontade, a súa situación non é moi diferente da escravitude. A misoxinia extrema é un dos trazos do fanatismo relixioso.

Silenciar a voz das mulleres, impedirlles falar en público, negarlles lexitimidade para escribir, non é exclusivo dos talibáns. Durante séculos foi a norma nas culturas occidentais, mudando unicamente –non por completo– nas últimas décadas, grazas ás loitas feministas. Teresa de Ávila ten que recorrer a estratexias discursivas para esquivar tanto a cultura do seu tempo que non consideraba as mulleres lexitimadas para escribir ensaio, como os censores da Inquisición, que retiveron o Libro da Vida, publicado unicamente tras a súa morte. No mesmo século XVII prohíbeselle escribir a Juana Inés de la Cruz, condenándoa a queimar os seus escritos inéditos, que chegaron a nós grazas ao bispo de Yucatán. No século XIX Jane Austen emprega o anonimato, "unha dama", por considerarse que aparecer publicamente ante os ollos de homes distintos da familia era un atentado ao pudor. Mesmo Frankenstein de Mary Shelley foi publicado anonimamente en 1818. Evitemos, pois, dar leccións desde unha suposta posición de autoridade e empeñémonos en actuar a favor das mulleres afgás. Hai campañas en marcha para que o Tribunal Penal Internacional declare crime contra a humanidade as leis contra as mulleres en Afganistán. Sobre todo é necesario acoller ás refuxiadas –tamén os refuxiados–, demandar ao goberno medios para a súa inserción. Non esquezamos as afgás.

Comentarios