Opinión

Libros en Meirás: saber ou comercio

Libros, libros! Palabras voando dunha mente a outra a bordo do papel. Libros, imaxinación, saber, auga para a sede de coñecemento. Libros, táboa de salvación en momentos difíciles. Mais tamén –para xentes que probablemente len pouco ou nada– obxectos de cobiza que poden ser vendidos nunha poxa en Londres ou París, ou despezados para comerciar cos anacos.

É unha ledicia cada vitoria que pon a resgardo da cobiza –non poden ser sacados sen autorización– o que debe ser patrimonio público, sexa Meirás, sexan os bens que permanecen nel. Neste caso a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o conxunto da Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, tanto os 7.883 libros custodiados na RAG, como os 2.972 que se encontran en Meirás. Os primeiros, na rúa Tabernas desde 1978, non corrían risco de acabar vendidos, os outros talvez. 

Na preparación da solicitude BIC pregunteime que criterios levaron a Carmen Polo a gardar eses case tres mil volumes. Un exame dos rexistros permite apuntar que en Meirás están boa parte dos libros máis antigos, desde o século XVII, e en linguas estranxeiras, sobre todo en francés, lingua que Pardo Bazán dominaba, mais tamén en portugués, inglés, alemán e italiano, que podía ler. Noutras palabras, os criterios deberon ser económicos, pois o certo é que nin sequera unha imaxinación desbordada pode representar a Carme Polo ou a familia Franco lendo en francés obras filosóficas como o Dicionario Filosófico de Voltaire, biográficas como as Confesións de Rousseau, científicas como a Historia Natural de Buffon ou o Reino Animal de Cuvier, as novelas de Zola, e non digamos as de Barbey d'Aurevilly, o autor das Diabólicas

Algúns dos moitos libros singulares que permanecen en Meirás son por exemplo a primeira edición, de 1875, da Historia de las Indias, de Frei Bartolomé de las Casas, escrita trescentos anos antes, a Memoria autobiográfica (en italiano) do revolucionario Giuseppe Garibaldi, ou a edición do Soño dunha noite de verán de Shakespeare (en inglés), ilustrada polo grande Arthur Rackham. A feminista estadounidense Tennessee Claflin, xunto coa súa irmá Victoria, a primeira muller en intervir en Wall Street, envioulle a Emilia en 1896 o seu Essay on social topics, cunha cariñosa dedicatoria, desde Monserrate, Sintra. Díxose das irmás Claflin que eran "enaguas entre touros e osos", enaguas que vimos tamén utilizadas contra Tanxugueiras. Como se repiten as ideas rancias!

Comentarios