Opinión

Liberdade para contaxiar

Por que non podo ter liberdade para contaxiar? Pode explicarmo alguén? Reclamo a miña liberdade para bailar regatón sen máscara canda miles de persoas, bailar a soas é moito menos divertido. Quero ser libre para beber unha cervexa, onde me pete, cando me pete, con quen me pete. Reivindico o meu dereito a non participar nos cribados, as probas PCR con eses pauciños que che meten polo nariz e chegan aos miolos; amolan un mundo. Négome a someterme aos secuestros que chaman corentena, aínda que sexa nun hotel de catro estrelas con piscina na terraza e vistas ao mar; un secuestro non deixa de ser secuestro porque o zulo teña algunhas comodidades, e non teño a síndrome de Estocolmo.

Quero ter liberdade para contratar xente moza –ou non tan moza– con salarios ínfimos, para facerlles contratos temporais por unha semana ou se cadra por un día. Talvez mañá non os necesite e non teño por que cargar con eles. Liberdade para despedir. Liberdade para facelos pasar por autónomos, para que deban financiar o seu medio de transporte, o seu seguro. Acaso non preferirán iso a estar no paro? Que con ese soldo non poden pagar un alugueiro? Terán que compartir, chámanlle co-living, disque, é o máis moderno. O problema é querer vivir por riba das súas posibilidades, é un costume moi negativo que cómpre desterrar.

Unha liberdade esencial nun país libre é a de non pagar impostos. Ás empresas vailles moito mellor situarse en lugares que por algo son chamados paraísos (fiscais). E podendo estar nun paraíso: quen vai querer estar no inferno? A xente quere ter os cartiños no peto, non que meta man neles o goberno, sexa autonómico ou do estado, que os malgastan en financiar escolas para unha rapazada que de todos modos acabarán de varredores ou limpando escaleiras. Que en Europa pagan máis impostos? Alá eles, non imos copiar todo do estranxeiro.

Liberdade para facer cumprir as leis cando me interesa, e incumprilas cando non me interesa. Ser libre para detraer recursos dos servizos públicos e desvialos á empresa privada. Se a sanidade ou a educación poden ser un negocio, por que vai encargarse delas o goberno? Liberdade para apalpar as mozas cando queira.

Liberdade para dicir mentiras ou, como din agora, pos-verdade, para chamarlle “lei” a un golpe de estado. Liberdade para insultar a quen discrepa de min.

Ah, liberdade! Fermosa palabra! Non lle poñades límites á liberdade, é como intentar poñerlle portas ao campo.

Comentarios