Opinión

Letras vivas

Preso no cárcere, inhabilitado, censurado, resistente, o home dos cento e un pseudónimos, Salvador de Lorenzana –homenaxe á Lourenzá natal–, Cosme Barreiros, Solobio, Francisco Fernández del Riego, Don Paco, foi todo iso e máis. Celebrámolo o 17 de maio deste ano pola súa escrita, polo seu activismo a prol da democracia, da lingua. En 2023 cadran os sesenta anos dunha iniciativa, froito da súa imaxinación: o Día das Letras Galegas, presentada á RAG no centenario de Cantares gallegos. A idea callou no imaxinario popular, e duns actos para unha pequena audiencia na ditadura, chegouse a unha celebración abranguendo lingua, literatura, música, cine, ao longo de maio.

Malia a difícil situación da lingua, as letras galegas están vivas. Hoxe quero prestar atención á literatura galega contemporánea, á máis recente. Temos clásicos como Rosalía e Cunqueiro mais non só. Antón Riveiro Coello leva décadas construíndo unha narrativa sólida, atendendo aos conflitos máis duros, en Siria ou mesmo en Ucraína, en Días de intemperie (Galaxia, 2022); Antón é xa un dos nosos clásicos.

A xornalista Nazaret López, tras esgazar co seu bisturí a devastación que sofre unha muller logo dunha ruptura en Formigas nos pés, articula en Pecados veniais (Xerais, 2022) unha exploración das traxedias narradas como comedias, ou comedias que dan en traxedias dun coro de mulleres que, se inicialmente parecen cantaruxar relatos independentes, van aos poucos unindo as súas voces nunha novela. Ninguén queda (Euseino?, 2022), a primeira novela de Brais Lamela, atende a unha ferida ben próxima aínda non cicatrizada, a expulsión das súas casas, das súas terras, das súas vidas, da veciñanza de Ernes, Negueira de Muñiz, ao quedar separado o lugar pola coitelada do encoro. Lin este libro sen alento, estiven en Ernes coas xentes da comuna, lémbroo como un dos lugares máis fermosos do mundo.

Comentarios