Opinión

Juana de Vega e as insurreccións liberais

Juana María de Vega –este ano conmemoramos o 150 aniversario da súa morte–participou na vida pública e na política nun tempo en que as mulleres estaban excluídas dela, tomando parte nos sucesivos intentos de revolución liberal do século XIX. Sendo distintas das revolucións obreiras, a Primavera dos pobos, e a Comuna de París, as liberais constituíron un avance na conquista das liberdades e na derrota do absolutismo. 

Juana naceu na Coruña o 7 de marzo de 1805 nunha familia de orixe humilde e comprometida co liberalismo. A súa nai, Josefa Martínez, era unha gran lectora, paixón que compartiu coa filla; o seu pai, Juan Antonio de la Vega, emigrou aos catorce anos a Cuba, facendo fortuna no comercio. Participaron na defensa da Constitución de 1812 e nas insurreccións liberais: en 1815, cando Porlier era enforcado na Coruña, o pai fuxira e a nai organizou a fuga do Castelo de Santo Antón duns oficiais que agardaban a sentenza de morte. Cumpría proporcionarlles cartos para marchar ao estranxeiro e Juana, que tiña dez anos, foi a encargada desta misión. Do pronunciamento de 1815 ao apoio á conspiración de 1846, da que Villalonga, o autor da represión e fusilamento dos Mártires de Carral, considerou a Juana impulsora e directora "pola súa sagacidade, ousadía e coñecida propensión ao mal", propoñendo confinala no estranxeiro. 

Ao exilio, durante once anos, tivo que marchar Juana co seu home, Francisco Espoz y Mina –quen por certo tiña como lingua nai o eúscaro– e o seu pai en 1823, ao finalizar o trienio liberal e restaurarse o absolutismo tras a entrada dos Cen mil fillos de San Luís, en apoio de Fernando VII de Borbón. 

En 1861 organizou na Coruña os Xogos florais, xermolo do Rexurdimento literario, e co mecenado de José López Cortón publicouse o Álbum da Caridad, con seis poemas de Rosalía de Castro e outros como Xoán Manuel Pintos e Pondal. A única actividade pública permitida ás mulleres eran as asociacións de beneficencia, como a que ela fundou na Coruña, mais lonxe de limitarse a recadar cartos para o Hospicio ou o Asilo, Juana denunciou as corrupcións, logrando a destitución do gobernador civil en 1858. Enfrontouse tamén, en 1859, a un frade exclaustrado que pretendía exorcizar unha rapaza epiléptica. E creou unha Fundación, que segue activa no apoio ao desenvolvemento de Galicia, agrícola, mais non só. Debemos moito ás mulleres do XIX que, como Juana, foron abrindo camiños. 

Comentarios