Opinión

Joyce en galego

Dicía Xela Arias, que dedicou boa parte do seu empeño literario á tradución: "Todo idioma representa unha cultura e sempre que haxa unha cultura detrás un idioma é capaz de xerar literatura ou de acoller literatura traducida doutro idioma". Nunha literatura vizosa medra obra propia e anósanse libros clásicos ou modernos; para aprendermos a escribir é indispensábel ler. Celebramos cen anos da publicación de Ulises con novas traducións de James Joyce ao galego e a reedición desta novela en 2013, a mans de Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle galardoados cos premios da AELG, da asociación de editores e o nacional de tradución. Pioneiros na atención a Ulises e Joyce, tinxida polas conexións afectivas e culturais con Irlanda, foron os autores da xeración Nós: Ramón Otero Pedrayo traduciu uns fragmentos dos episodios "Ithaca" e "Cyclops", publicándoos na revista Nós en 1926, precedendo as traducións a outras linguas peninsulares; tamén en Nós, en 1929, apareceu o relato de Vicente Risco "Dedalus en Compostela", un diálogo entre o autor e o personaxe Stephen Dedalus.

Talvez as persoas que dubidan antes de meterlle o dente ás mil páxinas do Ulises poden comezar por ler a marabillosa tradución de Dublineses por María Alonso Seisdedos: confeso unha predilección por este libro. Debido á atención de Joyce á vida e aos sentimentos moitas historias representan fielmente a ausencia de futuro para as mulleres na Irlanda do seu tempo, a violencia e o maltrato exercido por pais como o de "Eveline", semellante ao pai de Joyce que mesmo intentara estrangular a nai. A Igrexa non sae ben parada, en 1907 Joyce comparou a tiranía inglesa coa tiranía da (Igrexa) romana. "Os mortos" segue unha revelación experimentada por Gabriel Conroy, sobre os vivos e os mortos, no fondo sobre a súa incapacidade para sentir unha paixón como a da súa muller Gretta por Michael, o mozo que morreu por ir dicirlle adeus baixo a chuvia. Pódese ler o relato en diálogo co poema "Ela chora sobre Rahoon" escrito, na voz dunha muller que chora o seu amante, en 1912 pouco antes da publicación de Dublineses. En Rahoon está soterrado Michael Bodkin, amor de mocidade de Nora Barnacle, a compañeira de Joyce.

Traducir é unha das formas de escribir. As últimas palabras de "Os mortos" anosadas por María Alonso: "e avelaíño nevar, coma o descenso do final derradeiro deles, encol de todos os vivos e os mortos".

Comentarios