Opinión

Isaac Díaz Pardo: gardián da memoria

Un memorial para o gardián da memoria. Hoxe preséntase no Castelo de Santa Cruz de Oleiros o Memorial EnsambleIsaac, colaboración entre literatura, olaría, cerámica, fotografía, pintura, coordinada polo artista Pacodíaz. A obra ficará en Santa Cruz en homenaxe a Isaac Díaz Pardo que reunía en si todas estas artes, para alén da de resistente. Teimando en converter o aciago 18 de xullo nunha data de noso, coa mullerenaxe ás irmás Fandiño Ricart en Compostela, agora co memorial a Isaac. O 22 de agosto cumpriranse cen anos do seu nacemento; uns días antes, o 14 de agosto, oitenta e catro do asasinato de seu pai, Camilo Díaz Baliño, a mans dos falanxistas nunha estrada en Palas de Rei. Como narrou nunha entrevista sobre a súa viaxe de Compostela á Coruña en autobús, disfrazado para salvar a vida poucos días despois do asasinato, nin sequera deixaban os corpos no foxo, senón no medio da estrada para atemorizar a xente.

Coñecín a Isaac en 1979, nunha xornada no Laboratorio Xeolóxico de Laxe, acollido no Castro, no que un feixe de profesoras e profesores de ciencias de secundaria e universidade nos xuntamos arredor de Isidro Parga Pondal. Coa súa proverbial austeridade, vestindo unha bata azul, quen o vira podíao tomar polo conserxe. Ciencias, o labor editorial no Castro, o deseño, nada lle era alleo.

Isaac viviu de mozo o fervor dos anos da República, efervescencia galeguista, política, e das vangardas artísticas. Viviunos desde dentro na Casa da Tumbona, morada e obradoiro de seu pai onde se elaboraban decorados de teatro, carteis de cine, líanse revistas alemás das novas correntes. Constituía asemade un centro de reunión do galeguismo, Castelao, Luís Seoane –con quen establecería unha estreita colaboración despois da guerra–, Otero Pedrayo, Vilar Ponte ou Ánxel Casal. Casal trasladou en 1931 a Compostela, na rúa do Vilar 15, a editorial e imprenta Nós. Alcalde de Compostela, coincidiu con Díaz Baliño no cárcere –deses días data o estremecedor caderno no que Camilo retrata os compañeiros presos– sendo asasinado poucos días despois del. Isaac participou nas xuntanzas das Irmandades da Fala, debuxou carteis para a campaña do Estatuto, medrou entre arelas de cambio, esperanzas nunha Galicia nova, logo crebadas. Empeñou a súa vida en rescatar aquelas esperanzas, en facer realidade algúns dos proxectos soñados, en gardar as memorias. Un Laboratorio de Formas para resistir a mediocridade informe.

Comentarios