Opinión

Instintos arboricidas

Bajo el hacha implacable, ¡cuán presto

en tierra cayeron

encinas y robles!

En 1884 Rosalía de Castro laiábase en En las orillas del Sar da corta de carballos nas súas beiras, carballeira que se estendía até Conxo á que se refire nos seus artigos. De vivir, opoñeríase sen dúbida ás cortas de árbores que, como un andazo, se contaxian pola xeografía galega. Precisamente no Campo de Conxo, diante do antigo convento mercedario, perpetrouse estes días –en agosto, casualidades– unha corta de árbores singulares que, para boa parte da veciñanza, doen como se lles cortasen unha man. De nada valeron a recollida de sinaturas, as peticións ao Concello de Santiago, que inicialmente asegurara que serían respectados, o apoio de entidades como a Asociación para a Defensa do Patrimonio Natural e Cultural Galego (Apatrigal), que falan de desprezo ás árbores. Entre elas, varios cipreses que foron coñecidos e amados por tres ou máis xeracións, como un ciprés de Lawson de gran porte. Ademais formaban parte do Camiño de Santiago. Substituídas por que? Por unha praza lousada.

A corta de árbores en Vigo é unha desmesura: unicamente na remodelación da Gran Vía –non sei por que as autoridades falan de “humanización” cando executan un despropósito– foron retirados 128. En teoría 74 para ser transplantados e os outros 54 directamente cortados. A meirande parte son tileiros e castiñeiros, mais tamén había camelias e laranxeiras. Vivín case vinte anos en Vigo, paseei moitas veces por ese bulevar. Aínda bo que estes alcaldes e urbanistas non poden poñer as mans nas rúas de Berlín, se non terían que mudar o nome de Unter den Linden (Baixo os tileiros), polo de “Baixo os ferranchos”, coloridos si, mais ferranchos. A instalación de ramplas para facilitar os desprazamentos é unha boa idea, mais non ten por que ser incompatible coas árbores. Tamén hai cortas no Castro e na Hispanidade. Infortunadamente hai outros exemplos deste desleixo, a carballeira de Porto Espiño, en Beariz, vai ser arrasada pola minaría de coltán. Mentres vémonos invadidos polos eucaliptos e a herba da Pampa.

Miramos con envexa outros países: en Istanbul, indo da Mesquita Azul a Santa Sofía, a rúa estréitase para deixar sitio a un maxestoso plataneiro. En Myanmar hai estradas que modifican o seu trazado para preservar árbores. En Irlanda, lembra Maltrato da Paisaxe, as estradas transcorren entre árbores. Máis dendrolatría e menos arboricidio!

Comentarios