Opinión

Iluminar Galicia nos mapas

Escribo aínda baixo a conmoción causada pola morte de Domingo Villar. Domingo iluminou Galicia nos mapas. Sobre todo o seu amado Vigo, cidade tan acaída para nela se desenvolveren novelas negras. Poden as novelas negras emitir luz, prender lumes? Poden. Outras persoas iluminaron Galicia nos mapas nestes últimos tempos, así a enxeñeira da Nasa Begoña Vila Costas, que participou no lanzamento do telescopio James Webb en decembro, Tanxugueiras, a médica viguesa África González, un referente na divulgación sobre a Covid, Francisco Leiro, do que podemos ver a última exposición no Marco de Vigo, ou Siniestro Total, nos seus corenta anos "sen pasar pola Audiencia Nacional". Non esquezo que, para ser iluminada, Galicia debía ser antes cartografada, tiñan que ser trazados os mapas. Fontán, que compartía nome con Villar, punteou amorosamente serras, ríos, esteiros na súa Carta Xeométrica, rexistrou topónimos: Toba, Lires, Cantorna, Touriñán, Pedra Galluda; grazas a Marcos Calveiro coñecemos mellor a súa historia. Uns cabos máis ao norte, expulsado da universidade, ao acougo dos caolíns de Laxe, de Sargadelos e de Isaac Díaz Pardo, outro cartógrafo, Isidro Parga Pondal, nos anos escuros da ditadura, botou luz sobre as rochas galegas, ensinounos non todas seren iguais, nomeou o ollo de sapo, os tremelucentes seixos engastados no xisto (a súa vida é unha novela que un día escribirei). Mapa xeolóxico sobre a Carta de Fontán. A luz do coñecemento.

Doutra banda os inimigos da luz, negrume, tebras. Doutra banda o marfalleiro que furta ao patrimonio común cinco millóns –defraudados non serían "para facenda", senón para as contas públicas–, que agocha en escuros sumidoiros cartos mal adquiridos, que campa con fachenda por regatas e regateos. Os sesenta e cinco millóns de euros recibidos de Arabia Saudí poderían dedicarse á sanidade, á educación, é sabido. Outras persoas famosas que chegasen no seu momento a Sanxenxo podían ser Al Capone, Lucky Luciano ou Erik o belga, que polo menos apreciaba a arte. Botarían sobre Galicia escuridade, sombras. Dúas opcións distintas sobre a nosa presenza nos mapas. En canto a como un defraudador pode pasearse pola beiramar, como a xustiza ten as mans atadas, é por ese residuo do pasado, a inviolabilidade. Para cando a súa derrogación?

A Galicia préstanlle os Domingos, Villar ou Fontán, as Tanxugueiras, e non os eméritos. A escrita, a música, a ciencia que nos iluminan.

Comentarios