Opinión

Fútbol, familia e falcatruadas

Canta máis información temos da viaxe do Fuenlabrada á Coruña, máis evidente resulta o desprezo do presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, pola saúde pública en xeral, e en particular pola da veciñanza da Coruña. Detallar quen é Tebas excede o propósito deste artigo, mais lembremos que pertenceu a Fuerza Nueva e segue compartindo o seu ideario, por exemplo na oposición ao aborto, e que afirma ser votante de Vox. Está a favor da censura aos xornalistas sendo criticado por declaracións en apoio dos clubs grandes, pouco compatíbeis coa imparcialidade esixíbel do cargo. Para completar o seu perfil: foi investigado por Facenda e imputado por alzamento de bens, é dicir, agochar propiedades para furtarse aos acredores. Permitir o desprazamento de xogadores infectados é peor que irresponsábel; agardamos que prosperen as denuncias do Concello da Coruña e de accionistas do Dépor.

Creo que un dos elementos desta falcatruada é a idea que teñen algúns, por exemplo directivos da Liga ou de certos clubs de fútbol, de estar por riba do ben e do mal. Móvense tantos cartos, as vendas de futbolistas –que nos retrotraen ao tempo dos mercados de escravos– acadan sumas das que resulta difícil facerse idea, os salarios son tan estratosféricos, os negocios nos palcos tan opacos, que poden levar a crer que habitan un mudo diferente ao do resto dos mortais. O coronavirus non vai con eles. Por descontado, non se pode tomar a parte polo todo: hai futbolistas solidarios coas dificultades doutros, por exemplo Keita Baldé Diao, nacido en Girona de pais senegaleses, que o mes pasado contratou dous hoteis de Lleida para aloxar os temporeiros que durmían na rúa. E que dicir de Vero Boquete e o seu traballo a prol da dignificación do fútbol feminino, ou de Fernando Vázquez, adestrador do Dépor.

En que se parecen as familias ao fútbol? Na crenza firmemente arraigada en que dos encontros entre familiares só poden derivarse beneficios, por gozaren as familias dunha especial protección divina –sexa de deuses cristiáns ou de deusas celtas. Tanto ten que parte da familia reunida proceda de comunidades como Cataluña ou Madrid onde hai brotes preocupantes. Daquela nas xuntanzas familiares non se producirían contaxios, un arcanxo brandindo flamíxera espada escorrentaría os coronavirus. Oxalá fose así! Por desgraza, mentres chega a vacina, sigamos con máscara e distancia. E de Tebas canta máis distancia mellor.

Comentarios