Opinión

Financiar a Igrexa?

Son das tres cuartas partes de galegas e galegos que, segundo Nós Diario, optan na declaración da renda por non financiar a Igrexa católica, porcentaxe que vai medrando cada ano. No meu caso hai dúas razóns principais, unha ser atea, e a segunda o comportamento da Igrexa en Galicia e no estado e os propósitos aos que destina os cartos. En canto ao primeiro, diríase que, aínda hoxe, a opción de sermos ateas ou ateos é algo do que non é acaído falar en voz alta ou menos escribir. E se o facemos explícito é engadindo inmediatamente que respectamos as persoas crentes, algo tan obvio que non necesita énfase.

Tolerancia é unha palabra que deberiamos declinar con máis frecuencia, e as xerarquías da Igrexa non adoitan exercela con quen non somos crentes, presentándonos como produtos do Averno. 

A propaganda para que marquemos o cadro da Igrexa preséntaa como unha obra social, o que só é certo nalgúns casos, moitos vencellados a movementos cristiáns heterodoxos, pouco afíns ás xerarquías. Porén a Conferencia Episcopal destina un 30% máis a financiar medios de extrema dereita, como 13TV, que a Cáritas, unha obra social cun importante papel en tempos de crise. En canto a actuacións en Galicia, permítanme que fale da miña cidade, Santiago de Compostela, onde ducias de negocios, especialmente bares e restaurantes, se non cerraron definitivamente, sobreviven a duras penas entre confinamentos, restricións –necesarias para evitar contaxios– e ausencia de turistas. Parecería razoábel que, igual que a rebaixa ou suspensión de taxas municipais, os donos dos locais tivesen compaixón da hostalería e rebaixasen ou polo menos non aumentasen os prezos dos alugueiros, nun ano no que permaneceron moitos meses inactivos, por tanto sen ingresos. Parecería, mais unha grande cantidade dos locais comerciais do casco histórico de Compostela, seica a metade, pertencen “á catedral”, sexa cal sexa o nome da fundación ou entidade actual. Non sei cantos, a opacidade é grande, mais si sei que no caso de alugueiros recentes, os contratos estipulan unha suba dun 9% anual. Isto significa que, por cada mil euros ao mes pagados en 2019 –e os prezos na cidade histórica adoitan ser bastante máis– en 2020 tiveron que pagar 1090, en 2021 están aboando 1188 e así sucesivamente. Onde está a solidariedade con persoas que non gañaron un 9% máis, senón bastante menos dos anos anteriores? Nada de financiar máis estas prácticas.

Comentarios