Opinión

Falar por nosoutras

As mulleres temos aínda moitos obxectivos por acadar, non só o 8 de marzo, senón cada un dos 364 días restantes, desde un recoñecemento social como suxeitos capaces de exercer calquera profesión –incluídas as ciencias e enxeñarías, a presidencia dos gobernos ou o sacerdocio para as crentes– á igualdade de salarios; da liberdade sexual á presenza nas institucións. Central a todos eles é teren voz, falar por nós mesmas sen que ninguén se arrogue o dereito a falar no noso nome. Chegará un día en que algúns homes entenderán que producimos discurso, pensamento, crítica. Resulta incoherente declarar que se defende a igualdade ao tempo que se suplanta a voz das mulleres. Claro que é un obxectivo sumar homes ás nosas reivindicacións, por fortuna hai homes feministas, e estes entenden en que momentos a voz, o protagonismo, corresponde ás mulleres. Un botón de mostra frecuente deste machismo de baixa intensidade é o chamado, a falta dunha tradución axeitada ao galego, mansplaining, explicarlle a unha muller –sexa oralmente ou por escrito– algo do que sabe máis que o seu interlocutor. Outro é a atribución a un home da idea dunha muller: nas ciencias é chamado o efecto Matilda, pola sufraxista Matilda Joslyn Gage que o describiu por primeira vez; noutros ámbitos moitas de nós tivemos, repetidamente, a experiencia de dicir unha frase afortunada nun acto e ver con sorpresa como na prensa se atribuía a un home. Un caso recente de falar polas mulleres é unha valoración –“nas escusas técnicas hai moito machismo frustrado”– do vicepresidente do goberno sobre a Lei de Liberdade Sexual, promovida desde o Ministerio de Igualdade. Seica Pablo Iglesias ten dificultades para comprender que é á ministra de igualdade a quen corresponde valorar e facer declaracións sobre unha lei emprendida na súa esfera de competencias. Que a ministra de igualdade sexa do mesmo partido ou a súa compañeira de vida non xustifica que fale por ela. Tampouco é axeitado que fale en nome das feministas. A análise das mudanzas técnicas introducidas na proposta excede o propósito deste artigo: é unha lei necesaria pola que o movemento feminista pode felicitarse; outra cousa é se o máis relevante é a súa aprobación coincidindo co 8 de marzo. O compromiso coa igualdade móstrase na práctica máis que en declaracións. Gustaríame que neste 8 de marzo se comprenda que as mulleres temos a nosa propia voz e queremos falar por nosoutras.

Comentarios