Opinión

Explotación reprodutiva

Porque os nomes importan, porque non é o mesmo chamar as cousas polo seu nome que utilizar eufemismos ou neolinguaxe, é unha boa nova que o Tribunal Supremo denuncie en termos de absoluta claridade o chamado alugueiro de ventres, a compra de crianzas, a utilización da nai como un mero recipiente. Afirma a sentenza que tanto a criatura como a nai biolóxica son "tratadas como simples mercancías (...) como meros obxectos, non como persoas dotadas da dignidade propia da súa condición de seres humanos". Non doutro modo se pode describir un negocio que, como tantos tipos de trata, se lucra coa pobreza e a vulnerabilidade das mulleres en países como Ucraína, da que agora a algúns dos que "contrataron" embarazos só parece preocuparlles como facerse coas nenas ou nenos. Os termos do "contrato" citados polo Supremo –neste caso o nacemento tivo lugar en México, a través da empresa México Subrogacy– arrepían: a nai biolóxica, para alén de someterse a tratamentos que poñían en risco a súa saúde, vía controlada toda a súa vida, desde que comer á prohibición de manter relacións sexuais; incluso as decisión de interromper ou non o embarazo, e continuar ou non con vida, no caso de doenza ou lesión, atribúense á muller que fai o encargo.

É inhumano poñer nesta situación a mulleres que asinan a renuncia a todos os seus dereitos baixo a ameaza da fame. En España están prohibidas estas "granxas de mulleres", mais os famosos, a xente con moitos cartos e poucos escrúpulos, inscriben as crianzas nos consulados como fillas e fillos propios. O desexo de ser nai ou pai non constitúe un dereito, de ningún modo pode xustificar eses tratos degradantes. Unha vez máis son as mulleres as prexudicadas, mulleres das que os dereitos non contan. Por atender aos intereses da criatura, estas situacións están sendo legalizadas. Porén, o Supremo indica a adopción –non a inscrición como fillo ou filla biolóxico– como a vía a seguir. No borrador da Lei do aborto, a práctica recibe o nome de explotación reprodutiva, un paso adiante. Acabar con ela é responsabilidade de cada país, mais debemos contribuír a dificultala. En primeiro lugar prohibindo a publicidade destas sinistras axencias, que actúan á luz do día con total impunidade. Outra medida é modificar a lexislación sobre a inscrición no estranxeiro, de modo que non abonde cun documento de filiación emitido en países onde se permite maltraer deste modo as mulleres. 

Comentarios