Opinión

Europa

Segundo o mito que narran Homero, na Ilíada, e Ovidio, Europa, fermosa princesa fenicia, foi raptada por Zeus –descrito na mitoloxía como un violador en serie– mudado nun touro branco.

Nestes tempos turbulentos, seguen algunhas reflexións persoais sobre Europa como espazo común, como Unión Europea e algo máis. Advirto: nada é branco ou negro –agás nas películas do cine mudo–, en todas as cuestións hai matices difíciles de precisar en dous mil catrocentos caracteres.

Europa é, no contexto actual, o espazo do planeta onde máis se respectan os dereitos humanos, onde se realizan máis esforzos a prol da igualdade entre mulleres e homes, onde se recoñecen máis dereitos ás persoas LGTB, onde hai meirande liberdade de prensa e maior benestar, mellores servizos públicos, sanidade, educación. Na miña opinión, o espazo máis democrático. Isto, malia quedar moito por avanzar, malia atrancos á liberdade de expresión e de prensa, dos que é un exemplo a situación da CRTVG. Falo de grandes rexións do mundo, neste intre contemplamos con esperanza, con envexa, a nova Constitución e o novo goberno de Chile.

Coñecendo que nos Estados Unidos non hai seguridade social, nin sanidade pública, nin pensións, nin vacacións remuneradas (nin sequera para profesorado das universidades), nin licenzas pagadas de maternidade –menos de paternidade–, parece incrible que algúns políticos o tomen como modelo. Noutros moitos países ocorre algo semellante; un exemplo é a educación infantil, de 3 a 6 anos, inexistente e de tanta importancia no desenvolvemento.

Exercer o pensamento crítico é discriminar entre os aspectos positivos e negativos, máis que rexeitar algo –neste caso a Unión Europea– en bloque, porque nuns determinados países hai atropelos ou porque as leis non son abondo radicais para deter o cambio climático.

Estes avances na democracia, nos dereitos humanos, non caeron do ceo nin das árbores como froita madura. Custaron loitas, sangue, cicatrices. Acadamos xornadas de oito horas porque houbo quen loitou e morreu por elas. Tampouco son territorio conquistado para sempre, contemplamos como a dereita e a extrema dereita pretenden arrebatalos, tanto na práctica como discursivamente. Cómpren relatos, discursos que articulen eses dereitos, a necesidade da igualdade, da equidade na distribución de recursos, na protección ás vulnerábeis. Tamén defender esa Europa como espazo de liberdades e dereitos agora ameazada de rapto.

Comentarios