Opinión

Escorréntaos, Luís!

Xesús de Nazaret foi un activista que, cando era necesario, botaba man dunha fustriga para escorrentar mercadores. Nesta acción coinciden os catro evanxelistas, así di Xoán: "fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores". Ademais dirixiuse a eles, anoxado, segue Marcos, "Non está escrito: a miña casa será a casa de oración para todos os pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos".

Bandidos son os que rouban, os que se apropian do que non é seu. Se Xesús volvese, tería moito traballo expulsando do templo a Igrexa católica española e os seus dirixentes, a Conferencia Episcopal. Sabémolo ben, ao abeiro dunha lei de Franco, de 1946, ampliada por José María Aznar, a Igrexa rexistrou ao seu nome arredor de 100.000 propiedades –un terzo delas desde 1998– polo simple procedemento de declarar "é meu!". Agora din que mil delas foron inscritas debido a "erros". Nese roubo promovido por Aznar, Galicia é a segunda comunidade máis afectada (a primeira é Castela e León), con máis de 7.000. Alguén podería crer que son igrexas ou reitorais, mais a meirande parte, uns 4.000, como denuncia Luís Bará en Nós Diario, son pisos, garaxes ou predios. Moitos dos sete mil encóntranse en terreos de man común. A devolución desa ínfima proporción non chega, cómpre a derrogación das leis que permiten o espolio. 

En tanto non se resolven as reclamacións pola vía legal, que poden tardar, eu invoco o cura de Xestoso e Momán, Luís Rodríguez Patiño que pode non ter unha xostra, mais si posúe abondo espírito crítico para misar contra os eólicos en Monfero, ou para recriminar aos bispos españois por encubrir pederastas. Estes días chamounos cómplices, colaboradores dos curas que abusaban sexualmente dos nenos e mesmo "terroristas". Na miña opinión estes abusos teñen relación coa absurda esixencia do celibato, que tampouco vén dos Evanxeos, os apóstolos estaban casados. Apelando ao pobo, o cura de Xestoso sinalou as contradicións entre a xerarquía eclesiástica e a mensaxe evanxélica, criticando asemade as inmatriculacións.

Comparados con estes estafadores a grande escala, cos milleiros de propiedades roubadas, os mercadores do templo de Xerusalén que vendían unhas poucas ovellas e pombas, os cambiadores que trocaban moedas e talvez prestasen con usura, semellan aprendices. Apelo ao cura de Xestoso:

Escorréntaos, Luís!

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios