Opinión

Esconxuros, virus e seres queridos

"As palomas ó palomar / i a auga vai para o mar. / Panetilla, espinilla, asaduira, / vai para o teu lugar.” Ensalmo recitado en Toba para “levantar a panetilla”, segundo Susana López Facal. Curación imaxinaria para unha doenza imaxinaria, a caída da espiñela, en toda Galicia, como recolle Antonio Reigosa, con ese nome ou co castelanismo paletilla. 

Sería máis doado escorrentar a Covid-19 mediante esconxuros, imposición de mans, procesións do pasado en tempos de andazo. Son formas de curación pola fe contra as que Iria Veiga argumentou en Nós Diario. Talvez ninguén crea hoxe na caída da espiñela, porén moita xente enfronta a pandemia con actitudes e comportamentos que parecen fundados na fe, crenzas no que non vemos, en nocións das que non hai probas, máis que nas informacións dos estudos médicos, na evolución da Covid en distintos países.

Sabemos que as vacinas protexen contra esta e outras doenzas víricas; que grazas ás vacinas hoxe non existe a varíola. O risco cero non existe, pode haber efectos secundarios das medicinas ou das vacinas, mais no caso da Covid son moito menores que os beneficios. Isto non significa dar por boas as manobras das mafias farmacéuticas, mais si deixar de espallar dúbidas sobre a vacinación.

A expansión do virus foi freada na China e noutros países asiáticos, con medidas como o confinamento estrito e o rastrexo. En Galicia a Xunta non contratou un sistema estábel de rastrexo até esta semana, máis dun ano despois do inicio da pandemia; retrasos como este teñen un custo en vidas. Hai responsabilidade institucional, mais tamén é necesaria responsabilidade persoal. O virus transmítese polos aerosois, viaxa invisíbel cando respiramos ou falamos, mesmo se a persoa que fala ou respira é asintomática, mesmo se está vacinada –a vacina protexe de desenvolver a enfermidade mais non elimina o virus–. Mesmo se a persoa coa que falamos é a nosa amiga máis querida, avoa, pai ou nai, irmá. Logo de tantos meses fechados nas casas ou confinados no límite do concello todas, todos, devecemos por vernos, compartir espazos, cariños e xantares. Resulta especialmente dolorosa a prohibición de xuntanzas entre non conviventes.

Por que? Por que non podo comer con esta amiga? Para comer hai que tirar a máscara e os aerosois flúen libremente. Cómpre escoller entre a fe en levantar a paletilla, en que non é posíbel contaxiar os seres queridos e as recomendacións das epidemiólogas.

Comentarios