Opinión

Escolas: palabras e feitos

Abonda de ampulosas declaracións do tipo “a educación das nosas fillas e fillos é o máis importante porque neles está o futuro”. É a hora dos feitos. Feitos:

1. Desde 2008 a inversión en educación en Galicia non para de diminuír; entre 2009 e 2016 pasou de 2.605,4 millóns de euros a 2.317, é dicir un 8,89% menos.

2. As partidas para o ensino público diminúen, mentres as destinadas ao ensino concertado medran cada ano, como xa informou Nós Diario.

3. Dos 16.000 millóns do fondo Covid-19, 2.000 son para educación. A Galicia correspondéronlle 268.111 euros dos primeiros 6.000 millóns. En que se van investir?

4. Di Carmen Pomar, conselleira de educación: “Aínda que quixésemos non temos espazos para ratios de 15 alumnos”. Sen entrar na análise da elipse (falta “que non queremos”), e por suposto sen ter que construír escolas, para o que non hai tempo, si pode haber espazos, ver abaixo.

5. Pódense tomar medidas para unha volta segura aos colexios; en Valencia investiron 207 millóns en contratar 5.000 docentes e 3.000 monitoras e monitores de comedor, reorganizar centros, mercar 30.000 tablets e material sanitario. E aquí en Galicia? Vanse contratar 240 profesores e profesoras.

6. Os pupitres en Valencia estarán a metro e medio de distancia. En Galicia a conselleira explicou que haberá un metro “de cabeza a cabeza”; seica os coronavirus galegos non son capaces de percorrer distancias tan grandes como os doutras comunidades.

7. O Ministerio de Educación, seguindo recomendacións da OMS, propuxo un número máximo de 20 alumnas e alumnos por aula. Seguirase en Valencia e noutras comunidades, mentres en Galicia vai ser 25, di a conselleira que para evitar “rupturas” dos grupos. Aquí sabemos máis que a OMS.

8. En Santiago de Compostela hai 42 centros socioculturais, moitos a pouca distancia dos centros escolares. Mesmo sendo de distintos tamaños, en todos os que coñezo hai algunhas salas que se poderían utilizar para desdobrar cursos ou dispoñer de máis espazos. Creo que en todas ou a meirande parte das cidades e vilas galegas hai centros deste tipo que poden ser adaptados.

9. Segundo a enquisa de hábitos e prácticas culturais do Ministerio de Cultura, en 2019 Galicia ocupaba o segundo lugar por abaixo de toda España no acceso a internet: un 73% dos fogares tiña acceso e un 68% dispoñía de banda ancha. Non fai falta dicir que isto causa un aumento nas desigualdades.

Faltan feitos e sobran declaracións.

Comentarios