Opinión

Entrevista ao anxo Marcelo

Entrevista, en rigorosa exclusiva para Nós diario, a Marcelo, anxo da garda –que foi– de Jorge Fernández Díaz. Insiste en aclarar “que foi” e sorpréndeme afirmando que o seu nome non é Marcelo:

Anxo: Chámome Raziel, é dicir gardián dos segredos; sería acaído para o cargo do meu ex-pupilo. Asáñame que o Jorge crea que pode chamarme como lle pete. Raziel é nome ancestral, propio dun anxo; Marcelo non é nome para un anxo.

Eu: Por que non quere vostede seguir desempeñando ese cargo?

Raziel: Un anxo non pode andar polas cloacas. No medio do xurro as plumas empórcanse, despois non podo voar. Máis grave aínda, nos sumidoiros un pode encontrarse con espécimes como Manuel Lamela que acusou a médicos pola sedación a doentes terminais, entregou a sanidade de Madrid a empresas privadas, e ofrécese ás mesmas empresas para que reclamen ao Estado indemnizacións por “lucro cesante” durante a pandemia. Vostede, sendo bióloga, sabe o que son preeiros.

Eu: Sei. Mais en canto a Fernández, que desencadeou a súa marcha?

Raziel: Non podía contemplar impasíbel o atropelo de todos os principios éticos (por non falar dos legais, que caen fóra da miña competencia). Extorsión, subornos, espionaxe, subtraccións –ladroízos–, secuestro, e algún máis que esquezo. Medio millón de euros de fondos reservados usados para protexer o PP...  

Eu: Non podía vostede, como anxo da garda, encamiñalo na senda do ben?

Raziel: Intenteino, pode crerme. Mais fracasei, el non era guiado, nin admitía os meus consellos. Recibín un trato humillante, enviábame a aparcar o seu coche ou a sacar brillo ás medallas que impoñía a estatuas da Virxe. Estará acostumado ao funcionamento do Opus, moi xerárquico, os numerarios tratan os demais como serventes, mais eu non era o seu servente.

Eu: Daquela, xa non é anxo da garda de Fernández Díaz?

Raziel: Presentei a miña dimisión hai case tres anos, mais non pode imaxinar como é a burocracia celestial, sobre todo desde que subcontrataron as xestións administrativas a unha seita ultracatólica... Agora, seica, está a punto de resolverse.

Eu: E ficará no paro?

Raziel: Ficarei. Daquela, estou procurando outra colocación. Poderán vostedes incluír este anuncio por palabras en Nós diario? Ofrécese anxo da garda, con experiencia de cincuenta séculos, para tutelar persoas de irreprochábel conduta ética. Afectuoso, sabio, de fermosa aparencia. Fala galego, aprendido en Samos, ademais das linguas do Libro.

Feito.

Comentarios