Opinión

Empresas galegas?

"A terra é nosa e non de Fenosa”, coreabamos nas manifestacións contra os encoros e a central nuclear de Xove, que nunca chegou a ser construída, un éxito das mobilizacións que cómpre lembrar. A electricidade que producen agora os encoros non é nosa, e nin sequera é de Fenosa.

A construción dun país precisa a colaboración de moitas forzas. É necesaria industria, empresas radicadas en Galicia, que paguen aquí os seus impostos –que non sexan insignificantes–, contribuíndo a crear postos de traballo. Fenosa pode ilustrar o proceso de descapitalización de bo número de empresas galegas. Creada en 1943 como Fuerzas Eléctricas del Noroeste, procedía da fusión de Fábrica de Gas y Electricidad, de Barrié de la Maza, e Electra Popular Coruñesa, expropiada a Pepe Miñones Bernárdez, político de Corcubión asasinado no Campo da Rata en 1936, e entregada a Barrié. A reparación aos espoliados de momento non se efectuou, aínda estando contemplada na Lei de Memoria Democrática. 

Fenosa tiña o monopolio do mercado eléctrico en Galicia estando radicada aquí até a fusión con Unión Eléctrica en 1982, mudando o seu nome por Unión Fenosa. Non esquezamos o intento de compra de accións e control por parte de empresarios e bancos galegos en 2005, impedido por presións políticas, sendo as accións mercadas polo grupo ACS, de Florentino Pérez, que se converteu no primeiro accionista. Nesa altura entidades relacionadas con Fenosa, como o Banco Pastor ou a Fundación Barrié, que realizou interesantes contribucións á investigación, por medio de bolsas, e á cultura galega, do que pode ser exemplo a restauración do Pórtico da Gloria, comezan un proceso de descapitalización. En 2008 foi absorbida por Gas Natural, e desde 2018 chámase Naturgy. 

Fenosa xa non é galega, senón unha das empresas que tiran proveito de recursos naturais galegos, auga, vento, mais non pagan aquí os seus impostos. A meirande parte das multinacionais nin sequera tributan no estado español, senón nos chamados paraísos fiscais, Luxemburgo ou Malta, chegando a pagar menos –2,9%– que as pequenas empresas. Tamén deixou de ser galega R telecomunicacións, nacida en 1998, mercada en 2015 por Euskaltel, e na actualidade en mans do Fondo de risco inglés CVC Capital Partners. E xa se nota na calidade do servizo.

Procesos inevitábeis? Non sempre, de haber vontade política. O exemplo de CLUN, Cooperativas Lácteas Unidas mostra que hai camiños alternativos.

Comentarios