venres 03/12/21

Emilia Pardo Bazán: cen anos

Querida Emilia:

Hai cen anos, un 12 de maio, vertiches a última gota de tinta que prometeras empeñar na loita feminista. Deixaches escrito que querías ser soterrada en Meirás, mais como en tantas cousas a túa vontade non foi respectada e agora estás media secuestrada nunha igrexa de Madrid onde só é posíbel visitar a túa tumba unha vez ao ano, o día de defuntos. Cadra o teu centenario coa recuperación de Meirás para o patrimonio público, e agardamos que axiña convivan nel un Centro de Memoria das vítimas da ditadura e un Centro de Estudos sobre a túa escrita e o teu feminismo. No entanto continúan os esforzos combinados –nun singular consenso entre o pobo e as institucións– para impedir que uns descendentes do ditador que nunca leron unha soa páxina deles se fagan cos libros da túa biblioteca que alí permanecen.

Neste centenario celebramos a túa natureza de espírito libre. A túa capacidade de contradición, impugnando coa túa vida e os teus escritos o papel de “anxos do fogar” asignado ás mulleres, resistindo a idea establecida de que as mulleres intelectuais eran “seres monstruosos”, apropiándote do cualificativo de “marimacho” guindado contra ti, para desexarlle á filla de Carmen López Cortón “moitísimo marimachismo, bigote, cello, unhas mans como libros de coro, o xenio dunha fera, e as ideas máis demagóxicas e subversivas en canto ás relacións entre as dúas metades do xénero humano”. Pois nunca aceptaches que a natureza de mulleres e homes fose distinta, e mesmo admiraches a audacia de Elisa Sánchez Loriga, dando a entender que se se sentía varón, non debía ser censurada. 

Fuches contraditoria, como tantos ilustres varóns, mais o que se comprende neles non se perdoa ás mulleres. E o non compartirmos a túa identificación co nacionalismo español, nin a túa visión da lingua galega como máis acaída ao folclore que á literatura, non nos impide ver o intenso amor a Galicia que atravesa toda a túa obra.

Afortunadamente hai no país moitas xentes novas capaces de apreciar nos teus relatos, novelas, artigos e ensaios a modernidade do teu feminismo, a túa afouteza apuntando aos alicerces da discriminación das mulleres, a túa reivindicación de que queremos os mesmos dereitos, e non máis deberes, cando dis que se dá “á violencia e servidume cor de deber e virtude”. 

Ao final tanto ten que as túas cinzas estean soterradas en Madrid ou en Meirás, o que importa é a túa palabra que continúa ardendo.

Emilia Pardo Bazán: cen anos
comentarios