Opinión

Economía e impostos

[Desescribindo]

Impostos? Para que o goberno meta os cartos no peto? Os cartos están moito mellor nos petos da cidadanía. As empresas precisan ter beneficios para o país funcionar, e canto máis gañan máis queren, xa saben vostedes como son... mais así é o sistema. Que sistema? Cal vai ser, o capitalista, acaso hai outro? No canto de financiar cos impostos a educación, por exemplo, é máis práctico que cada quen teña os seus cartiños e os gaste en levar fillos e fillas á escola que queira, haberá quen prefira unha onde lles ensinen equitación, para despois saíren de a cabalo na portada do Hola, ou onde lles dean deces no bacharelato para acadar mellor nota nas ABAU. E se non lles chegan os cartos, xa virá Díaz Ayuso no seu auxilio, e vexa como a votan. Algunhas escolas públicas, si, para os pobres iren, esas non necesitan tantos recursos; para ser varredor ou Kelly, unha cultura xeral é suficiente. Así funcionan moitos países en América Latina, mire Chile onde o ensino público foi enmagrecido até o mínimo. Aínda que agora con este radical que escolleron de presidente, este Gabriel Boric, calquera sabe o que vai pasar. Porque a xente non sabe votar, mais esa é outra historia.

Neste ano nin tanto gañan empresas e bancos, o Santander 4.894 millóns no primeiro semestre, o que significa un 33% más que en 2021. Non é de estrañar que a súa presidenta critique a suba de impostos que prepara o goberno, un 4,8% sobre xuros e comisións que afectará ás entidades financeiras que gañen máis de 800 millóns de euros. Tampouco están de acordo as empresas enerxéticas indispensábeis para a nosa vida, o noso día a día, co 1,2% sobre as vendas; a proba é que o fornecemento de gas trae de cabeza a todos os gobernos europeos. Repsol duplicou os seus beneficios neste semestre comparado co de 2021, gañou 2.539 millóns, será por traballaren ben; os de Iberdrola son 2.075 millóns, non tanto, coitados, unicamente aumentaron un 36%. Con todo, tanto unha empresa como a outra se verían afectadas polo gravame, dirixido ás que facturan máis de 1.000 millóns anuais. Por iso, criaturas, Repsol está multiplicando por catro as tarifas do gas nos novos contratos. Dinlles beneficios caídos do ceo, mais non se engane, os cartos non caen do ceo, saen dos petos da clientela.

Seica houbo un tal Oliver Wendell Holmes que escribiu "os impostos son o prezo que pagamos por unha sociedade civilizada", mais era poeta, non sabía nada de economía.

Comentarios