Opinión

Digo Sáhara

Digo Sáhara e pronuncio espolio, colonización, abandono. Digo Sáhara e declino todos os tempos verbais de traizoar. Digo Sáhara e á lingua vén a palabra vergonza. Ten o país colonizador responsabilidades para os territorios colonizados? Pode abandonalos á ocupación dun invasor? En 1991, a ONU estableceu unha misión para organizar un referendo no Sáhara Occidental que debía celebrarse en 1992. Hai trinta anos, e o referendo nunca tivo lugar. Que foi dese acordo?

A consulta nunca celebrada, a ocupación do territorio por Marrocos, malia non estar a soberanía marroquí recoñecida por los organismos internacionais, a situación dos campos de refuxiados de Tinduf, no medio do deserto, a represión do goberno de Marrocos, non teñen presenza nos medios. Se non falamos deles, non existen. Os discursos oficiais optaron por varrelos baixo a alfombra. Unicamente nos momentos en que o goberno marroquí leva a cabo actos de chantaxe, utilizando os seus propios cidadáns, as persoas máis vulnerábeis, reaparecen nos titulares a Fronte Polisario, a República Árabe Saharauí Democrática, a sorte dun pobo que parece abandonado e esquecido por todos.

Os autócratas apóianse entre eles. En decembro de 2020, perdidas xa as eleccións, Trump asinou o recoñecemento dos Estados Unidos á soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental; un troco no que Marrocos se comprometeu a restablecer relacións diplomáticas con Israel, abandonando a defensa do pobo palestino. O rei de Marrocos, Mohamed VI é o maior terratenente do país, posúe unha gran fortuna; el e a súa familia, a través do grupo empresarial, Al Mada, controlan bancos, fondos de inversión, empresas de construción e servizos. É público que o goberno marroquí non respecta os dereitos humanos, e así o denuncian repetidamente organismos como Amnistía Internacional. No seu informe sobre 2020 e 2021, A.I. revela que o goberno marroquí está utilizando a pandemia para reprimir a disidencia, intimidar e encarcerar xornalistas, que as mulleres seguen sufrindo discriminación e violencia sexual. Entre os “patriotas españois” que teñen relacións de amizade e mesmo irmandade cos monarcas marroquís sobresae o rei emérito Juan Carlos I, ou Felipe González que chegou a louvar a “integridade territorial” de Marrocos. A disputa dos territorios non é nominal, hai recursos pesqueiros e de minaría en xogo.

Para non ficar no esquecemento, seguimos berrando Sáhara, Polisario, resistencia.

Comentarios