Opinión

Devorarse a si mesma

Nun templo de Angkor Vat chamoume a atención a imaxe do monstro da mitoloxía hindú chamado Kala ou Kirtimukha. Na verdade a imaxe é só das fauces, porque Kala, despois dunha liorta con Shiva, tivo que devorarse a si mesmo, comezando polo rabo, e logo acabando con pés e mans. Kala é unha metáfora da humanidade devorándose a si mesma, estragando a Terra ao extremo de tornala inhabitábel, do que a pandemia do coronavirus é apenas o último exemplo. Enténdase ben que ao falar da “humanidade” non quero dicir que todas as persoas teñan a mesma responsabilidade, nin moito menos: as mariscadoras, as Kellys, os riders e outros traballadores precarios teñen pouca, e a meirande parte corresponde a axentes como os fondos voitre, os especuladores, a cleptocracia que goberna en tantos países, ou as empresas que deslocalizan o traballo a lugares onde poden pagar unha miseria por xornadas de doce ou máis horas. Ten que ver a pandemia coas alteracións do ambiente e co capitalismo de rapina? En canto á relación entre andazos e destrución de hábitats, Zheng-Li Shi, viróloga de Wuhan, a maior experta mundial sobre estas doenzas –notemos que é unha muller e pidamos unha vez máis que antes de falar do “científico”, algúns se tomen a molestia de consultar Internet– afirmou en febreiro, nunhas declaracións contra as teorías conspiratorias: “O novo coronavirus é a natureza que castiga a raza humana polos seus hábitos de vida incivilizados”. Shi dirixe un programa de investigación sobre os virus que proceden dos morcegos, como o que matou máis de vinte mil porcos en 2016. En varios artigos publicados en 2018 e 2019 alertaba sobre futuras transmisións interespecíficas en China debido, por exemplo, á alta densidade de granxas de porcos. Como causa do salto dos virus de morcegos a humanos, apuntaba ás prácticas agrícolas e gandeiras actuais e á urbanización. Quere dicir todo isto que a causa non é, ou non é unicamente que algúns coman morcegos, xa que por exemplo os porcos non os comen, senón a destrución dos seus hábitats e os contactos entre os animais silvestres e os que viven amoreados nesas macrogranxas. Cantos millóns de porcos se crían nelas en España? En 2019 máis de 52 millóns; en Galicia un millón. As consecuencias para o ambiente son catastróficas, como saben ben en Cataluña e Aragón, onde en moitas vilas viuse contaminada a auga potable. Cómpre mudar o sistema ou acabar devorándonos a nós mesmos.

Comentarios