Opinión

Derrubar casas, eludir impostos

Os tiranos sempre tiveron disposición a derrubar as casas dos demais e a facer recaer sobre outras persoas os impostos que lles corresponde pagar a eles. Ás veces ambas cousas a un tempo. O nome do conde de Almaviva pode evocar As vodas de Fígaro de Mozart, porén no século XVII viviu na Puglia italiana un conde de nome algo parecido, Giangirolamo II Acquaviva, un déspota sanguinario interesado en converter en cultivos –da oliveira, sobre todo– o que era monte. Os labregos e labregas que traballaban as terras da súa propiedade precisaban casoupas para vivir ou polo menos casetos para gardar as ferramentas. Porén, o conde tiña que pagar taxas ao vicerrei español do Reino de Nápoles, taxas que dependían do número de habitantes das súas terras. Daquela, unicamente autorizaba edificar casoupas que puidesen ser desmontadas nun abrir e cerrar de ollos: os chamados "trulli" –plural de "trullo"–, construcións cónicas de pedra en seco, como os valados en Galicia, sen cemento, que non levaba moito tempo desfacer. Unha forma de enganar aos inspectores, non en beneficio dos labregos que ficaban sen casa, senón no seu propio. Entre outras mostras do seu talante, cóntase que este señor feudal exercía o dereito de pernada, que disparaba desde a torre do castelo ás mulleres cando tiraban auga do pozo, ou que fixo esfolar os participantes na revolta na vila de Nardò, tapizando coa súa pel unhas poltronas, aínda conservadas a comezos do século XX. A paisaxe da Puglia, cos trulli entre oliveiras, é belísima, mais a súa orixe está na tiranía, na crenza en que unhas poucas persoas teñen todos os dereitos e as demais só deberes.

Traio aquí os trulli, e os seus valados, tan parecidos aos nosos, agás a pedra que na Puglia é caliza, xa que estamos unha vez máis a voltas cos impostos. Unha vez máis ponse en circulación a falacia de que os impostos é unha forma de roubo á cidadanía, cando constitúen un dos escasos mecanismos de redistribución. Nestes días soubemos que cada ingreso por Covid tivo un custo de case 6.000 euros, e os ingresos na UCI case 19.000. Quen pode pagar iso se non tivésemos sanidade pública? O único modo de financiamento da sanidade, a educación, as pensións son os impostos. As trampulladas para eludir o seu pago, menos visíbeis agora que derrubar casas, continúan. A propaganda para convencernos de que os impostos son cousa do demo é abouxadora, cómpre desenmascarar as súas andrómenas.

Comentarios