Opinión

Dachau número 94259

O venres 14 de outubro, nun acto emocionante, colocamos en Madrid unha pedra de memoria en homenaxe ao noso tío avó Vicente Parra Bordetas, deportado a Dachau. A iniciativa Stolpersteine –literalmente pedras que fan tropezar– débese ao artista alemán Gunter Demnig. Lembra os deportados nos campos de concentración nazis, inserindo lastros na beirarrúa, diante do seu último domicilio coñecido.

Ao chegar, en xuño de 1945 vestindo o uniforme riscado, a Toulouse onde ficaran a muller e os fillos, Vicente Parra, que tiña 57 anos, pesaba menos de 40 quilos. No peito levaba marcado un número: 94259, unha forma máis de desposuír os prisioneiros da súa identidade, reducíndoos a cifras. Enmagrecido e marcado, porén vivo. A metade dos 536 deportados que viaxaran con el no 'Tren fantasma' desde o campo francés de Le Vernet morrerían en Dachau. Malia non ser concibido inicialmente como un campo de exterminio acabou séndoo: os asasinatos, e tamén a fame, o tifo, as malas condicións de hixiene, os traballos forzados, elevan a máis de 40.000 as vítimas no campo. O meu irmán Miguel Jiménez Aleixandre, a quen debemos descubrir a súa historia en 2008, pois sobre ela gardábase na familia o máis completo silencio, quixo render homenaxe o día 14 aos médicos rurais, oficio que exerceu Vicente Parra durante case trinta anos, antes de que a guerra e a militancia, probabelmente comunista, cambiaran a súa vida. Atendeu Aos doentes nos distintos campos de internamento polos que pasou, como Le Vernet, no Tren fantasma e na enfermaría de prisioneiros de Dachau. No intre da liberación do campo, en abril do 45, era o representante dos españois no Comité Internacional de Prisioneiros e permaneceu máis dun mes organizando a saída dos deportados, que non era inmediata. En Toulouse foi director do Hospital Varsovie, creado polos republicanos e acabou exiliándose de novo a Venezuela onde morreu.

O nome "campos de concentración" evoca para a meirande parte da xente os campos nazis. Aínda é pouco coñecido, por ser ocultado, que en España funcionaron 300 campos de concentración. Nos campos nazis houbo uns 200 galegos deportados, mais o número dos que foron presos nos campos españois é moito maior. En Galicia de 13 a 17 campos, segundo se consideren unicamente os denominados así oficialmente polos franquistas, como Lavacolla, Cedeira, Camposancos, San Clodio, ou outros como San Simón. Moita memoria nos queda por recuperar.

Comentarios