Opinión

A couza do localismo

Construír Galicia como país require pensar Galicia. Galicia como un conxunto ao que beiramar, montes e bocarribeiras, as cidades, as aldeas, as vilas, os obreiros do metal, as traballadoras da conserva, gandeiras e gandeiros, médicas, profesorado, quen amasa e coce o pan, mariñeiros, labregas, intelectuais, toda a cidadanía achega o seu esforzo. Poucas ideas tan daniñas para o proxecto común como o localismo, couza que rila as trabes nas que se sustenta Galicia. Este absurdo esencialismo fundaméntase na noción de que alguén é mellor simplemente por ter nacido ou por vivir en tal ou cal lugar, que uns poden ser "bos e xenerosos", non por comportárense con bondade e xenerosidade, senón pola súa partida de nacemento, mesmo se son ruíns. Cómpre atribuír parte da responsabilidade aos cargos públicos que declaman con fachenda as virtudes da súa cidade ou provincia, ao tempo que enumeran os agravios –en moitas ocasións imaxinarios– a que se ven sometidas en comparación con outras. Competir por quen ten a bandeira máis grande, meirande número de luces ou máis quilómetros de cemento no paseo marítimo non mellora a vida dos seus habitantes, favorece a cacofonía, o contrario da harmonía.

Non me refiro ás brincadeiras sobre se o clima de Lugo é mellor que o de Vigo –ben saben vostedes que para min o bo tempo é a chuvia–, ou sobre a excelencia dos grelos aquí ou acolá: as de Compostela louvan os seus por seren máis doces, as de Lugo afirman que é precisamente o amarguexo o que os fai irresistíbeis. Tampouco á competencia entre equipos de fútbol, forma máis benigna que adopta nos nosos tempos a guerra entre veciños: ninguén vai admitir que o equipo contrario xoga mellor. O pan de Lugo acada unha excelencia que poucos discuten. Sobre os viños non direi nada para non crearme inimigos, mais sobre todo porque aprecio a súa diversidade. O que chamo couza é o populismo que mira só para o seu embigo, sen atender ao conxunto. Preocúpanme especialmente os discursos dalgunhas esquerdas que copian o localismo resucitando vellas retesías sobre se sería mellor que a capital estivese noutra cidade ou se tal ou cal provincia ou cidade é máis progresista e combativa. Non caben xeneralizacións, xente adiantada haina en todas partes e rancia tamén. A identidade constrúese na suma, achegando as nosas voces ao coro no que haberá sopranos, e barítonos, contraltos e tenores, todas necesarias para crear a harmonía.

Comentarios