Opinión

Corrección política?

“Que non podo facer chistes de sogras? Que dis, que a miña tivo conta dos cativos mentres nós iamos de troula. Non ten que ver... Fai falta un chisco de sentido do humor!”

“Sei que isto non é politicamente correcto, mais os negros cheiran mal. Ou polo menos cheiran moi forte, distinto de nós. Non o notaches?”

“Aos xitanos gústalles vivir dese modo, nun carromato ou nunha chabola; non lles deas un piso que ao día seguinte estarán as billas rotas. Ollo, isto non é racismo!”

“Agora non se lle pode dar unha chaparreta a unha moza sen ser acusado de violador? Estamos copiando o puritanismo dos Estados Unidos, no canto de copiar o que fan mellor ca nós.”

“A igualdade está ben, mais iso de que unha política fale de marental é feminismo tóxico. Non concordo coa corrección política.”

“Devolver estatuas ou xoias dos museos sería un desatino. Eu entendo que os do Museo Británico non devolvan os mármores do Partenón, é como se España tivese que devolver o que trouxo de América, eles non saben coidalo. Ademais así, todo xunto, é máis doado de ver.”

“Onde imos chegar por culpa da corrección política? Que queredes, queimar os libros de Henry Miller? Quitar os cadros de Picasso dos museos por como trataba as mulleres?”

“Non se pode botar a culpa dos males de África aos europeos. Hai ben anos desde a independencia e non saben gobernarse. O que ocorre agora non ten relación co colonialismo.”

“Unha película é unha película, temos que gozala, sobre todo se é tan boa como E o vento levou. E falar de racismo en 1939 é anacrónico.”

O retrouso “Eu non son politicamente correcto” actúa como escusa para afirmacións machistas ou racistas, como as citadas. Por desgraza non inventei ningunha. A resistencia ás mudanzas exprésase en ocasións asignando unha etiqueta negativa aos cambios, sobre todo cando supoñen unha ameaza aos privilexios exercidos por determinados grupos, como poden ser varóns, brancos, europeos, ás veces en combinación. Parecen ignorar que as nosas ideas desenvólvense en grande medida polo que absorbemos do ambiente, tanto ou máis que por aprendizaxes formais na escola. As mensaxes recibidas a través da literatura, o cine, os refráns, poden ser máis efectivas que nocións abstractas de igualdade. É difícil que unha rapaza soñe con ser inventora ou científica se as mulleres de ficción son amas de casa ou a noiva do protagonista. Ante as mudanzas estes gardiáns das esencias arden en santa indignación.

Comentarios