Opinión

Corrección política e transgresión

"Que ocorre, non vou poder facer chistes de sogras?". "Digan o que digan, os mouros teñen costumes bárbaros, non o podemos negar". "E agora todo o que Europa fixo en América é colonialismo?". A enxurrada de voces criticando a chamada "corrección política" é forte e medra cada día. Moitos reivindican o seu dereito a ser machistas e racistas, a defender a explotación colonial, a xustificar o acoso sexual.

As críticas ás mudanzas na linguaxe, nos discursos sociais, preséntanse como unha defensa da transgresión. Porén, é unha "transgresión" ficticia que vai sempre contra as oprimidas, os oprimidos, as mulleres, as persoas racializadas, xitanas, negras, as migrantes, os pobos nativos. O seu albo non son os poderes nin os poderosos, os que manteñen con man de ferro os mecanismos do patriarcado, o sistema capitalista. Ridiculizan os esforzos de quen sufriron a opresión e pretenden un discurso alternativo, outra mirada, revelar a outra cara das historias.

A verdadeira transgresión é a de quen cuestiona as normas sociais construídas a través dos discursos, da linguaxe, que son sistemas de produción de significados, dunha visión determinada do mundo. Probas de que se intenta eliminar as lecturas alternativas hai moitas, un exemplo recente é a exposición 'Buen Gobierno', da artista peruana Sandra Gamarra Heshiki, que estivo estes meses no CGAC de Compostela, cun título tirado da crónica de Felipe Guamán Poma de Ayala. A ollada de Gamarra Heshiki é feminista e decolonial, revela por exemplo o racismo nas innumerábeis categorías de mestizaxe etiquetadas nas "pinturas de castas", que reflectían as xerarquías; a violencia exercida contra a poboación nativa. Cando a exposición se inaugurou en Madrid en setembro do ano pasado, nunha sala que depende da Consellería de Cultura –a conselleira é Marta Rivera de la Cruz–, esta censurou as palabras "racismo" e "restitución" no texto de inicio da exposición, obrigando a reescribilo. A exposición foi excluída do festival Hispanidade 2021, da que si formou parte 'Tornaviaje: Arte iberoamericano en España', do Museo do Prado, que no texto introdutorio falaba do obxectivo de levar a relixión e a lingua, e tamén da explotación dos recursos. Dúas formas de contemplar os procesos coloniais, que aínda reverberan no desprezo, ou como mínimo paternalismo, co que se dá conta dos avances sociais e políticos en América Latina. As transgresoras, señores, somos nosoutras.

Comentarios