Opinión

Concha Blanco

Concha Blanco, a nena de Lires que veu ao mundo un 19 de xuño, tal día coma hoxe, despois dun parto difícil; a moza estudante en Ferrol e Santiago de Compostela; a mestra de vinte anos dando aulas en Nemiña –cruzando en barca de Lires a Nemiña–, no Ézaro, Brens, Dumbría e Cee. A activista pola lingua galega. A escritora, autora de medio cento de obras de literatura para a rapazada. A Escritora que recibiu o sábado 12 a letra E –fermosa peza de Soledad Penalta– da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en Cee, a súa terra. A muller conectada coa natureza que plantou un pradairo na praza que desde ese día é chamada Concha Blanco; por vez primeira unha praza de Cee leva o nome dunha muller.

Desde Lires –“que foi o meu berce”, di– para o mundo, probando que a lingua recibida da nai, a señora María, que non puido estudar mais escribía poemas e tamén as cartas da veciñanza (e as súas ao home emigrado en América), é lingua de cultura. Desde a ría máis pequena de Galicia a todo o país a través da súa escrita. Desde a escola, onde escribiu os primeiros contos, poemas e obras de teatro para os nenos e nenas dispoñeren de textos na lingua que falaban, a acadar numerosos premios, nestes días a letra E, o máis importante dos outorgados pola comunidade reunida en torno á escrita en galego, a AELG.

Concha Blanco foi unha axente de galeguización en todas as escolas onde ensinou na Costa da Morte, un dos lugares de Galicia onde mellor resiste a lingua, conseguindo que a rapazada se sentise orgullosa de falar galego. Como lembraba Pilar Sampedro, na súa fermosa laudatio, nos seus primeiros contos os personaxes eran nenos e nenas da aula, unha acción eficaz para demostrar que a súa é unha lingua culta, na que é posible escribir literatura.

Foi mestra de boa parte das escritoras e escritores de Cee, como Estevo e David Creus, María Lado, Artur Trillo, ademais de artistas como Vicente Blanco. Lembran a influencia das súas aulas en considerar a escrita, e particularmente a escrita en galego, como unha actividade que estaba ao seu alcance, para a que estaban lexitimados. Bos exemplos da súa proxección nas xeracións máis novas, ademais da continuidade na súa filla María Canosa.

Concha, paciente ourive da lingua, na fala pola que teño máis afecto, coas súas particulares declinacións dos verbos. Xenerosa co seu tempo e o seu coñecemento, compartíndoo. Boa, como só poden ser as grandes persoas.

Comentarios