Opinión

Concepción Arenal: recuperar as cores

Tal como a restauración do Pórtico da Gloria permitiu recuperar as cores orixinais, os rizos louros de Daniel, o manto azul de Xeremías, a magnífica biografía de Anna Caballé Concepción Arenal, la caminante y su sombra, devólvenos unha muller de chameante cabelo rubio e claros ollos azuis, unha moza rebelde, díscola, a contracorrente, exercendo a retranca na súa correspondencia privada. Mágoa que a familia destruíra as cartas, como ocorreu coas de Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Aos 23 anos, cando vivía soa en Armaño, na montaña de Cantabria, enfrontouse cunha escopeta aos ladróns que estaban roubando na casa. O tempo e sobre todo o esquecemento e marxinación da pensadora galega, nacida hai 200 anos, cubriron a súa imaxe de po gris, tan escuro como as roupas que adoitaba vestir. Non merece ficar confinada no andel dos tomos de dereito, reducido o seu pensamento a innovadoras propostas sobre os cárceres, con todo e ser estas tan adiantadas ao seu tempo. Pioneira en tratar os dereitos humanos, o seu achegamento ás prisións faise desde a empatía, argumentando sobre a influencia das condicións sociais, miseria, analfabetismo, na delincuencia. Criticou a situación das mulleres recluídas en cárceres e hospitais onde o primeiro que facían era rapalas para vender o cabelo, igual que vendían parte da comida que lles correspondía. As denuncias de corrupción e malas prácticas levárona a ser destituída do cargo de Visitadora de Prisións, ocupado brevemente. É así mesmo coñecida a súa defensa da educación das mulleres, aínda que sen a radicalidade feminista de Emilia Pardo Bazán, pois consideraba que non debían participar na política. Vivira en propia carne a exclusión do ensino regrado e a necesidade dunha formación autodidacta, como outras escritoras e intelectuais do século XIX. Condicións que, como analiza Anna Caballé, causaban conflitos de identidade, levando a adoptar unha voz masculina, única lexitimada no eido intelectual. Foi adiantada noutras cuestións como o abolicionismo e a crítica ao maltrato animal. Na súa vida persoal, rexeitou xustillos e crinolina, que apreixaban o corpo das mulleres, optando por roupas cómodas, pantalóns baixo as saias, que permitían camiñar polo monte. Espero que celebremos este aniversario desterrando outras pezas do vestiario feminino como os zapatos de tacón, auténtico instrumento de tortura que nuns anos nos parecerá tan rancio como o xustillo.

Comentarios