Opinión

Coitados fondos voitres

É imposíbel conter as bágoas ao pensar nos infortunados fondos capital-risco, na súa apurada situación. Toda a vida aforrando, céntimo a céntimo, para poder investir os aforros nunhas casiñas, e agora veñen uns gobernantes radicais, e os seus socios aínda máis radicais, emprendendo un ataque contra a propiedade privada, que é o principio máis sagrado, o alicerce da sociedade, o pau de palleiro da democracia.

Chamaríaos fondos voitre, nome polo que son máis coñecidos, mais tendo en conta a miña estreita relación cos animais, consulteille a cuestión ao Carrascalinho –o voitre negro que leva un GPS e parou el só tres parques eólicos, case cen aeroxeradores– e, segundo o Carrascalinho, prefiren non ser confundidos con eses fondos:

—Hai unha diferenza fundamental –afirma o Carrascalinho–, a nosa mantenza, sexamos voitres leonados, negros ou brancos, son preas, animais mortos, mesmo en descomposición. No entanto os fondos devoran a vida e o espírito de persoas vivas. Parécense aos voitres mitolóxicos que, segundo Homero, devoraban no Hades o fígado do xigante Ticio... Mais iso é unha lenda e non se corresponde coa realidade.

Estes malpocados investidores, que o que veñen facendo é mercar vivendas a baixo prezo para despois vendelas a prezo de ouro, están tan perseguidos que nin sequera ousan dar os seus nomes. Operan pois no anonimato, ao amparo das etiquetas das compañías. Os nomes destas compañías indican algo, así Cerberus que, como ben sabe Carrascalinho, moi versado en mitoloxía, é o monstruoso can negro de tres cabezas que garda as portas do inferno para que os mortos non poidan saír. Dá confianza, non si? Máis discreto é Blackstone, que cos seus aforriños chegou a ser propietario dunhas 30 000 vivendas en todo o estado.

Os fondos están moi preocupados. A xente moza –e non tan moza– non ten de que preocuparse, pois é unha verdade universalmente recoñecida que se tes un traballo e unha nómina podes acceder a un alugueiro. Por outra banda, recoñecendo a boa intención a medidas como axudas directas para alugar, experiencias anteriores mostran que poden causar subas de prezos. Unha solución máis efectiva sería crear un parque de vivenda pública, con alugueiros controlados, intervir no mercado. Faise en lugares como Nova Iorque, mais é sabido que alá gobernan os radicais. E mudar este capitalismo de rapina que está arrebatando o nome a falcóns, aguias e outras aves ben máis fermosas ca eles.

Comentarios