Opinión

Coidemos a sanidade pública

A poeta Susan Wicks escribe, en Diagnose aberta, de forma estremecedora sobre a súa esclerose múltipla: "Velaí o mundo. / Cómeo axiña / segmento a segmento / antes de se murchar. / Velaí o miolo / prendéndose aos teus dedos / en amargos galdrapos / cada branco trisco. / Velaí a máis pequena pebida, / pinga esclerótica / chea de esquecidos / zumes. Crébaa". Poucas angustias comparábeis á provocada por unha doenza grave, propia ou dos nosos seres queridos. Indescritíbel o alivio cando a enfermidade se resolve ou está en vías de resolverse. Véñenme á memoria, entre outros, as semanas que o meu compañeiro pasou nunha UCI debaténdose entre a vida e a morte, a bronquiolite dun sobriño aos dous meses, a diagnose de artrite doutro sobriño aos oito anos. De todo iso tivo conta, ten conta, a sanidade pública, as médicas e médicos, enfermeiras e auxiliares, curando, tranquilizando a familia, respondendo con empatía –mesmo dando a resposta afirmativa– a un rapaz de oito anos que pregunta se o tratamento é para toda a vida. O caso máis recente, a cirurxía de urxencia a unha irmá para deter unha compresión da medula que xa lle estaba impedindo camiñar.

Damos por suposto que o sistema de saúde público sempre está aí para termar de nós, que –malia os recortes e as manobras de privatización– é capaz de organizar con éxito a vacinación e nos protexer do andazo da Covid. Resúltanos difícil imaxinar que noutros países, e falo dos considerados ricos como Estados Unidos, a meirande parte da poboación carece de asistencia sanitaria e, cando a precisa, ten que se arruinar para pagala. Temo que, ao ter o costume de acudir a ela, ao non comparala coa que teñen –ou mellor non teñen– moitos países, non a valoramos como merece.

Hai quen nos quere facer crer que os servizos públicos poden manterse do aire, propoñendo continuamente baixar impostos. Isto é unha falacia, e nos países, sobre todo europeos, onde hai educación e sanidade públicas ou boas redes de comunicación, o seu financiamento é polos impostos. Claro que hai outro modo de contemplar a sanidade, como un botín a saquear, cobrando inxentes comisións por mercar máscaras, cargando o IVE por elas cando xa estaba suprimido, en definitiva aproveitando as conexións familiares para se enriquecer, nun caso de corrupción que pretenden agochar baixo cortinas de fume e coiteladas. Velaí o dilema, saquear a sanidade pública, ou coidar dela para que ela coide de nós.

Comentarios