Opinión

Cinzarradas dixitais

Hai tradicións que cómpre gardar e outras que é mellor desterrar; sobre todo para as mulleres: a tradición non adoita sernos favorábel e, para nosoutras, na miña opinión, ningún tempo pasado foi mellor. Unha que considero bárbara é a das cinzarradas, dirixida contra as viúvas –en menor medida contra os viúvos– que volvían casar. A noite de vodas os mozos xuntábanse baixo as fiestras da casa con cinzarras, chocallos, potas, caldeiros; ademais de estrondo, cantábanse coplas. O que para uns era unha diversión, unha festa, para a noiva era unha humillación, destinada a amargar esa noite tan especial, a convertela nunha lembranza imborrábel, polo afrontosa; tamén hai homes que consideran unha xolda violar unha muller. As censuras dirixidas ás viúvas veñen de moi atrás, na antiga Roma tiñan que gardar un tempo de loito, na Idade Media prohibíronse as segundas nupcias. Nin sempre as cinzarradas tiñan por albo as viúvas: A miña avoa cordobesa, Araceli, sufriu unha na noite de vodas, simplemente por casar despois dos vinte e cinco anos, por levar antes unha vida con certa –limitada– independencia. En resumo, unha tradición que pretendía o control da sexualidade e a liberdade das mulleres.

Se as bouradas con cazolas forman parte do pasado, non deberiamos permitir que sexan substituídas por cinzarradas dixitais, por acoso exercido especialmente contra persoas e colectivos vulnerábeis, mais non só. Nesta semana, como lembra o Movemento Galego da Saúde Mental, conmemorouse o día mundial da prevención do suicidio. Coincidiu coa condena a un home por ameazar a un rapaz da Coruña con revelar a súa homosexualidade “a toda Coruña”: en outubro de 2019 o mozo suicidouse. No mesmo ano 2019, Verónica, unha muller de 32 anos, quitouse a vida en Alcalá de Henares debido a un vídeo de contido sexual difundido vía WhatsApp por un home con quen mantivera unha relación anterior. Cada avance das feministas é seguido dun acoso nas redes por parte de quen non se resignan a perder os seus privilexios, cada conquista do movemento LGTBI vén acompañada dunha reacción virulenta. Unha estratexia –non dou nomes de partidos nin de políticos – é contrapoñer uns colectivos a outros, así afirmar que o acoso a homosexuais é obra dos inmigrantes, cando os datos o desmenten, tanto estatísticos como particulares: só dous inmigrantes senegaleses socorreron a Samuel Luiz. As redes deben ser un lugar de encontro, non de acoso. 

Comentarios