Opinión

Ciencias naturais e sobrenaturais

A dvirto que non teño formación xurídica e que estas reflexións son as que fai desde fóra unha persoa perplexa –creo non ser a única– ante a enxurrada de sentenzas contraditorias emitidas por distintos tribunais. Para razoamentos de persoas expertas remito aos artigos de xuristas de Galicia como Alba Nogueira e Carlos Amoedo, ou de Valencia, como Gabriel Doménech. Pola miña traxectoria científica, cun pé na bioloxía e outro na educación, sei que as ciencias naturais non son alleas á interpretación dos datos, e as ciencias sociais fundaméntanse en datos que cómpre interpretar. Porén os vaivéns das sentenzas xudiciais sobre as restricións debidas á Covid-19 parecen nalgúns casos obra dunhas ciencias sobrenaturais, que nin contan cos datos dispoñíbeis nin teñen que xustificar adecuadamente as súas interpretacións. 

Primeira reflexión: a saúde é un ben superior que debe ser preservado; en consecuencia medidas como estado de alarma, toque de queda, limitacións horarias ou obrigatoriedade das máscaras non son malignas conspiracións co obxectivo de nos privar das nosas “liberdades”, senón intentos de reducir contaxios, hospitalizacións e en última instancia mortes. Tampouco perseguen a ruína dos negocios, e se restrinxir horarios ten consecuencias económicas, o aumento de contaxios pode telas peores a medio prazo.

Segunda reflexión: a avaliación do estado epidemiolóxico de cada comunidade autónoma corresponde ás autoridades sanitarias e creo que podemos confiar en que están facéndoo con rigor. Enténdese que os respectivos tribunais deben ratificar ou non as medidas atendendo a principios como a proporcionalidade entre a gravidade da situación e os prexuízos causados por elas. 

Terceira reflexión: o feito dun tribunal, como o Constitucional na sentenza sobre o estado de alarma, estar partido pola metade, mostra claramente que, como mínimo, hai dúbidas razoábeis sobre a interpretación –por parte da maioría– dos preceptos constitucionais que leva a declarar inconstitucional o estado de alarma.

Cuarta reflexión: Dos doce maxistrados e maxistradas do Constitucional, catro teñen o seu mandato caducado desde hai máis dun ano, e cabe preguntármonos pola lexitimidade do organismo. Se a isto sumamos as suxestións de que a sentenza sobre o estado de alarma ten como obxectivo atacar o goberno, poñer atrancos na loita contra a pandemia, parece que estamos ante o lawfare dunhas ciencias sobrenaturais.

Comentarios