Opinión

Carne e conflitos

E scribe Leonard Cohen “Quen come carne / quere meterlle o dente a algo / Quen non come carne / quere meterlle o dente a outra cousa”. Cohen foi vexetariano –durante parte da súa vida–, igual que Albert Einstein, o poeta Shelley ou a feminista Angela Davis. As razóns polas que deixan de comer carne a meirande parte de quen adoptan esta dieta, arredor do 70%, son éticas, ao considerar os animais non humanos como dignos de consideración moral, de respecto. Que comer ou que non comer é un dilema complexo ao que non se pode dar resposta con simplezas como a do “chuletón”. Tampouco pode suscitarse en termos de todo ou nada, entre comer unha costeleta todos os días e a dieta vegana hainas intermedias. Os efectos dunha dieta na saúde son unicamente un dos aspectos da cuestión.

A min as consecuencias da gandería intensiva, do consumo de carne nos países ricos, que máis me preocupan son as ambientais. Son datos, non opinións: numerosos estudos avalían nun 18 ou 20% as emisións de gases invernadoiro debidas á gandería. En 2019 o informe do Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC) recomendou comer menos carne, pois a adopción desas dietas ten o potencial de reducir até un 50% os custos relacionados co quecemento global. Foi seguido de recomendacións no mesmo sentido pola Unión Europea e o Plan España 2050. Esta diminución tería consecuencias económicas en Galicia, aínda sendo máis importante a produción de leite que de carne, e sen esquecer o valor simbólico e cultural da carne. 

Os sacrificios son impopulares, as solucións a problemas ambientais implican conflitos, mudanzas no estilo de vida, reconversión de actividades industriais ou gandeiras. Porén, cando nos anos 70 se publicaron informes científicos alertando de que o planeta se dirixía ao quecemento nin os gobernos nin a opinión pública lles deron creto, foron acusados de catastrofismo. Por desgraza o catastrófico son as consecuencias de maltraer a natureza, secas, alagamentos, ondas de calor, mortes. Cómpre un debate serio, que considere todos os elementos, dos modelos de produción, como se apuntaba en Nós diario* no que a gandería tradicional de Galicia ten vantaxes, a hábitos culturais recentes como a comida rápida. Pode ser máis cómodo viaxar en coche privado que no transporte público, mais a natureza o agradecerá. Igualmente, ao meterlle o dente a grelos, bertóns, patacas, ou verzas estamos meténdollo ao cambio climático.

Ligazón á reportaxe de Antón Escuredo: https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/gandaria-abre- debate-modelos-producion/20210713200703125365.html

Comentarios